A Xunta e o concello de Cerdedo-Cotobade ultiman obras de mellora na escola infantil pública de Tenorio
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Os traballos consisten na renovación da envolvente e de zonas exteriores de xogo, e teñen un custo de 48.000 euros
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 25 de agosto de 2025
A Xunta e o Concello de Cerdedo-Cotobade rematarán nos vindeiros días a actuación de mellora que realizan este verán na escola infantil de Cotobade-Tenorio, pertencente á rede pública autonómica. O Executivo autonómico financia parte dos traballos que se levan a cabo neste centro, que teñen un custo de 48.000 euros, e que hoxe supervisaron o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde, Jorge Cubela.
As obras, que están practicamente rematadas, céntranse en melloras na envolvente da escola e das zonas exteriores de xogo. En concreto, estanse a renovar as fachadas de madeira e aplicándoselle un tratamento protector, ademais de acometerse a súa limpeza, reparación, pintado e aplicación dun novo revestimento acrílico. Así mesmo, contémplase a instalación de novos valados de madeira.
O Concello contratou e executa as obras que financiou en parte o Consorcio cunha achega de preto de 27.000 euros, con cargo ás liquidacións que lle corresponde abonar ao ente local polo servizo. Estes traballos realízanse durante este verán para aproveitar que a escola está sen actividade e súmanse aos xa feitos nos últimos anos para mellorar o interior do centro.
Perfecto Rodríguez destacou a importancia da colaboración entre administracións para que as familias dispoñan dos mellores equipamentos. Neste sentido, enmarcou esta actuación no programa de melloras en centros do Consorcio que se executa ao longo de todo o ano, tanto en escolas infantís como en centros de día e residenciais.
No caso das escolas infantís, o ente autonómico financiou durante os meses de xullo e agosto actuacións en equipamentos de toda Galicia co fin de que estean perfectamente acondicionados de cara ao inicio do novo curso, que terá lugar o vindeiro día 5 de setembro.