A Xunta pon de relevo o emprendemento feminino no marco do labor do Polo de Vilanova de Arousa
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou esta mañá as instalacións do Polo de emprendemento e apoio ao emprego desta localidade arousá, onde mantivo un encontro con dúas emprendedoras asesoradas nesta oficina
- O Polo de Vilanova é un dos tres da provincia de Pontevedra xunto cos de Silleda e O Porriño e leva atendido máis de 200 proxectos, un 58 % deles impulsados por mulleres
- Marta Mariño destacou iniciativas como a Bolsa de remuda de negocios, así como o Bono Remuda, con prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro no marco da orde unificada para persoas traballadoras autónomas dotada con máis de 40 M€
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 25 de agosto de 2025
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou esta mañá as instalacións do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Vilanova de Arousa, onde destacou que leva atendido máis de 200 proxectos, no marco dos arredor de 1.350 do total da provincia de Pontevedra. Deles, o 58 % están impulsados por mulleres, unha cifra que valeu á representante autonómica para poñer de relevo o labor do emprendemento feminino á hora de garantir o futuro e a competitividade do tecido empresarial nas diferentes contornas.
Na visita —na que tamén participou o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán—, dúas mulleres emprendedoras asesoradas no Polo da localidade contaron as súas experiencias, ambas procedentes de Vilagarcía. Trátase de Sila Santiso, promotora da empresa DTF Galicia, dedicada ao deseño e estampaxe téxtil, serigrafía, detalles para eventos, trofeos e medallas, gravado e corte láser de pulseiras, entre outras. Mentres, María Búa emprendeu coa empresa de viaxes Morousa Tours, coa que promove sentir e comprender cada lugar dende dentro, a través de encontros reais con persoas locais que comparten o seu saber e experiencia vital, os seus costumes e a súa forma de vida.
Accións a prol da remuda xeracional
No encontro, a directora xeral destacou iniciativas da Rede de polos como a Bolsa de remuda de negocios, un servizo que facilita a transmisión de empresas ao conectar a persoas interesadas en vender ou alugar a súa empresa con outras dispostas a continuar coa súa actividade.
A través del, a Rede de polos ofrece un acompañamento especializado ao longo de todo o proceso de remuda ou transmisión de negocios xa en funcionamento en Galicia, proporcionando asesoramento, axilidade e apoio técnico. Ademais, a Bolsa de remuda funciona tamén como un escaparate de oportunidades reais para aquelas persoas que desexan poñer en marcha un proxecto empresarial sólido e viable, reducindo os riscos asociados á creación dun negocio desde cero.
Outra das liñas de apoio orientada á transmisión de negocios é o Bono Remuda, un dos cinco programas específicos da orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas —dotada con máis de 40 M€ e aberta ata o 30 de setembro—. Está orientada a facilitar a transmisión de negocios rendibles a prol da remuda xeracional e da vertebración do territorio e conta cun orzamento total de máis de 1,2 millóns de euros.
Concrétase con dúas liñas, o Bono remuda rural —para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes— e o Bono remuda xeral —para negocios situados en municipios de 10.000 ou máis habitantes— e nesta edición, como novidade destacada, inclúe axudas para os autónomos que traspasan o negocio por xubilación, ademais das incluídas para quen asume a empresa.