A Xunta ten aberto o prazo dunha batería de axudas para potenciar as oportunidades laborais de máis de 17.000 persoas e facilitar a cobertura de vacantes
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Dirixidas tanto a persoas desempregadas como ocupadas, son as AFD (50 M€), a de unidades formativas en empresas con compromiso de contratación (8 M€), a de formación a demanda do tecido produtivo (4 M€) e o Bono Talento Empresa (2 M€)
- O prazo prolóngase ata o 30 de novembro nas accións formativas para desempregados, ata o 30 de setembro nas unidades formativas e á formación a demanda para persoas ocupadas e ata o 15 de setembro nos Bono Talento Empresa
- Estas convocatorias enmárcanse no compromiso do Goberno galego a prol dunha formación flexible, de curta duración, tanto para persoas empregadas como desempregadas, adaptada ás necesidades das persoas e das empresas
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2025
A Xunta ten aberto o prazo de catro liñas de axudas diferentes para impulsar a formación de máis de 17.000 persoas demandantes de emprego ou ocupadas, facilitando a través de accións deseñadas á medida das necesidades do tecido produtivo as oportunidades laborais dos galegos e galegas para favorecer a cobertura de vacantes. En concreto, trátase da nova orde de accións formativas para persoas desempregadas — AFD (50 millóns), a de unidades formativas en empresas con compromiso de contratación (8 M€), a de formación a demanda do tecido produtivo galego para persoas ocupadas (4 M€) e o Bono Talento Empresa (2 M€).
Formación para persoas desempregadas
Primeiramente, as accións AFD -unha convocatoria de transición que se completará a comezos de 2026 cunha nova orde- está aberta deica o 30 de novembro, coa previsión de beneficiar preto de 12.000 persoas que poderán modular a súa capacitación e reducir o tempo de formación. Grazas á flexibilidade na duración das accións e á participación das oficinas de emprego na orientación e selección do alumnado, cada itinerario poderá adaptarse mellor aos perfís e obxectivos profesionais, aumentando o seu impacto.
Como novidade clave, ademais dos graos B e C poderán impartirse por primeira vez microformacións de grao A, o que abre un novo escenario máis amplo, dinámico e adaptado aos perfís diversos e ás necesidades reais do mercado. Para as empresas, implica apostar por un modelo onde a formación vai parella á realidade produtiva. Así, cando demanden unha necesidade concreta de capacitación, poderán canalizala a través dos centros acreditados, garantindo unha resposta áxil. Ademais, nos programas de grao C, introdúcese de forma obrigatoria a formación dual, que require que polo menos o 25% das horas se desenvolvan en empresas en contornas reais de traballo.
En relación ás unidades formativas en empresas, o prazo de solicitude está aberto ata o 30 de setembro, coa previsión de cualificar máis de 2.500 persoas desempregadas a través dunhas 200 accións e co compromiso de contratación de entre o 40 % e o 60 % do alumnado participante. A iniciativa permite, deste xeito, levar ás empresas formacións flexibles e á demanda das súas necesidades reais e das súas perspectivas de crecemento, promovendo en paralelo novas oportunidades laborais para as persoas sen traballo.
Así, unha das principais novidades desta edición é que tamén poden solicitar as axudas as asociacións empresariais ou sectoriais, como os clústeres, o que contribuirá a seguir adaptando a capacitación profesional dos galegos e galegas en situación de desemprego aos perfís profesionais que esixen as diferentes contornas e sectores.
Formación para persoas ocupadas
No que respecta á formación a demanda das empresas para persoas ocupadas, está aberta tamén deica o 30 de setembro para facilitar a impartición de ofertas de grao C conducentes á obtención de certificados profesionais. Esta iniciativa, que busca formar a máis de 1.000 persoas, potencia tamén as formacións de curta duración (grao B, que é un módulo de entre 200 e 300 horas para acceder a certificados de competencia) e mesmo as microformacións (grao A, que é un bloque concreto incluído nun módulo, dunhas 30 ou 40 horas e para acreditacións parciais de competencia).
Por último, os Bonos Talento Empresa -tamén destinados a persoas ocupadas-, poden solicitarse ata o 15 de setembro coa previsión de beneficiar 130 empresas e formar a arredor de 1.500 traballadores e traballadoras. Trátase dunha liña de axudas destinada a fomentar accións formativas non regradas, de curta duración e deseñadas especificamente para dar resposta ás necesidades particulares de cada empresa. Co obxectivo de reforzar as competencias dos cadros de persoal cun enfoque nos ámbitos dixital, industrial, de xestión ou servizos á clientela, este ano incorporouse como novidade tamén formación vinculada coas tecnoloxías limpas e o uso eficiente dos recursos.
Aposta da Xunta pola formación flexible
Estas accións enmárcase na aposta da Xunta a prol dunha formación flexible, de curta duración, tanto para persoas empregadas como desempregadas, adaptada ás necesidades tanto dos galegos e galegas como das empresas. Dentro desta estratexia pioneira destacan outras accións como as colaboracións con clústeres e entidades de sectores estratéxicos ou o futuro decreto de microcredenciais para o traballo.