A Xunta abre o prazo de solicitudes da nova convocatoria do Bono Talento Empresa dotada con 2 M€ para impulsar microformacións non regradas
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Trátase da terceira edición destas axudas que promoven accións formativas non formais e de curta duración á carta das necesidades das empresas e dirixidas especificamente aos seus cadros de persoal, prevendo beneficiar a 1.500 persoas
- A iniciativa destaca pola súa flexibilidade, podendo solicitarse ata tres accións formativas, cada unha de entre 16 e 100 horas, que poderán ser adaptadas a nivel de contidos, programas ou persoal docente segundo o que precise cada compañía
- Como novidade, inclúese como un ámbito de capacitación prioritario o das tecnoloxías limpas e eficientes, que se suma aos campos do dixital, o industrial, o de xestión e o de servizos a clientes
- A orde, de carácter bianual, poderá solicitarse desde hoxe e ata o 15 de setembro

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025
A Xunta abre hoxe o prazo de solicitudes da nova orde de Bonos Talento Empresa, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dotada con dous millóns de euros. Trátase dunha liña de axudas destinada a fomentar accións formativas non regradas, de curta duración e deseñadas especificamente para dar resposta ás necesidades particulares de cada empresa.
O obxectivo principal é reforzar as competencias dos cadros de persoal, cun enfoque nos ámbitos dixital, industrial, de xestión, de atención personalizada e de servizos á clientela. Como novidade nesta edición, incorpórase tamén formación vinculada coas tecnoloxías limpas e o uso eficiente dos recursos, aliñada coa transición verde que está a transformar o tecido produtivo.
Detalles da convocatoria
A orde, de carácter bianual, poderá solicitarse ata o 15 de setembro por parte de empresas de calquera tamaño e autónomos con persoal contratado, contemplando axudas de ata 25.000 euros. A iniciativa destaca pola súa sinxeleza administrativa, esixindo só uns requisitos mínimos: que as entidades teñan centro de traballo en Galicia e tres anos de antigüidade, e que as persoas participantes sexan traballadores/as en activo da mesma. Outra das súas principais vantaxes é que se trata dunha formación non regrada e, polo tanto, non suxeita aos requisitos doutras liñas de formación.
Os proxectos formativos —de modalidade presencial e compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas— poderán adaptarse no relativo a contidos, programas, persoal docente ou lugar de celebración segundo as necesidades concretas de cada solicitante. Deste xeito, preténdese que as empresas dean resposta áxil e flexible a unha contorna laboral de cambios cada vez máis rápidos, especialmente no contexto da dobre transición dixital e verde.
No que respecta á celebración das accións formativas, no caso da anualidade 2025 poderán impartirse desde o día seguinte da publicación da orde no DOG ata o 31 de outubro. As celebradas desde o 1 de novembro de 2025 —e deica o 30 de setembro— computarán no ano 2026.
Pulo á formación flexible
Co lanzamento desta nova edición, coa que se prevé beneficiar 130 empresas e formar a arredor de 1.500 persoas, a Xunta consolida o seu impulso a novas vías de formación apostando por aprendizaxes breves e flexibles que faciliten unha adaptación rápida ás novas esixencias do mercado laboral, considerando absolutamente estratéxico flexibilizar a formación para o emprego e atender a dous propósitos fundamentais: atender ás necesidades específicas das empresas galegas e reforzar as competencias e habilidades dos seus traballadores, promovendo a recualificación e a reciclaxe continua.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250711/AnuncioG0767-300625-0001_gl.html