A Xunta outorga a Medalla Emilia Pardo Bazán á política Manuela López Besteiro, á deportista olímpica Teresa Portela e á Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Os galardóns recoñecen o labor e as accións desenvolvidas polas persoas premiadas a prol da igualdade de xénero entre mulleres e homes en Galicia

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que a Xunta de Galicia concede a Medalla Emilia Pardo Bazán á política galega e ex conselleira, Manuela López Besteiro; á deportista olímpica, María Teresa Portela Rivas; e á Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), encargada da protección das mulleres vítimas de violencia de xénero.
A Medalla Emilia Pardo Bazán é un recoñecemento ao labor que desenvolven as persoas e institución premiadas a prol da igualdade de xénero entre mulleres e homes en Galicia. Este galardón foi creado pola Xunta no ano 2019 para conmemorar publicamente todas as accións que contribúen á sensibilización social e a dar visibilidade ao talento das mulleres e de todas as entidades comprometidas coa eliminación da discriminación de xénero e a construción dunha sociedade máis igualitaria.
Este recoñecemento leva o nome de Emilia Pardo Bazán, muller precursora na defensa dos dereitos das mulleres e do feminismo, así como do acceso á educación das mulleres, ideas que trasladou á súa obra literaria.
Nesta ocasión, o xurado distingue a Manuela López Besteiro, política galega que exerceu de conselleira de Familia, Muller e Xuventude entre os anos 1993 e 2002, nunha época na que desenvolveu un labor fundamental para reivindicar os dereitos das mulleres e dar visibilidade á importancia da conciliación e da corresponsabilidade como garantía dunha sociedade máis igualitaria.
Outro dos tres recoñecementos, recaerá en Teresa Portela, padexeira olímpica galega. Esta deportista é todo un referente consolidado na defensa dos dereitos das mulleres e á hora de dar visibilidade ao papel do deporte feminino. O seu esforzo e dedicación ao longo destes anos, rompendo barreiras sociais, amosa ás novas xeracións a importancia da igualdade en todos os eidos da sociedade.
Pola súa parte, a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) é a encargada de dar protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero e que forman parte do sistema Viogen. Deste xeito, preténdese recoñecer o traballo que desenvolven cada día acompañando a todas estas mulleres e representando un papel destacado tamén na súa recuperación.