A Xunta presenta a nova edición do programa ´Alento´ para asesorar de balde unha trintena de proxectos emprendedores en márketing e comunicación
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, destacou o rol da Rede de polos de emprendemento, que con 15 oficinas espalladas por toda Galicia apoio integral aos emprendedores e será clave na selección dos proxectos asesorados
- Como unha das novidades, na segunda edición de 'Alento' priorizaranse iniciativas vencelladas ao pequeno comercio e situadas en concellos de menos de 25.000 habitantes, co obxectivo de contribuír á dinamización do rural e das zona semiurbanas
- A iniciativa, desenvolvida co Clúster da Comunicación de Galicia, contará cun orzamento de 120.000 euros e ofrecerá ata 10 servizos especializados en márketing e comunicación para mellorar a competitividade e visibilidade dos proxectos

Ames (A Coruña), 8 de xullo de 2025
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron esta mañá en Ames na presentación da nova edición do programa Alento. Impulso á comunicación para emprender. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo fortalecer o ecosistema emprendedor galego facilitando o acceso gratuíto a servizos profesionais de márketing e comunicación. O programa está promovido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración co Clúster da Comunicación de Galicia, encargado de coordinar a participación das empresas expertas que prestarán os servizos ofertados.
Cun orzamento de 120.000 euros, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co emprendemento sostible e con impacto social. Como principal novidade, esta edición prioriza proxectos vinculados ao comercio de proximidade e aos situados en concellos con menos de 25.000 habitantes, buscando así promover o reequilibrio territorial e dinamizar o tecido económico do medio rural e das zonas semiurbanas.
Alento ofrece un catálogo de 10 servizos especializados, orientados a mellorar a presenza e competitividade dos proxectos emprendedores, facilitando a súa saída ao mercado, a creación de marcas con valor engadido e a conexión efectiva co público obxectivo. Os servizos serán prestados por 38 empresas asociadas ao Clúster da Comunicación de Galicia, o que supón un incremento do 30 % respecto á edición anterior
No acto de hoxe, emprendedores do sector da comunicación compartiron as súas experiencias e os erros cometidos ao iniciar as súas empresas, convertendo esas vivencias nunha oportunidade para aprender dos fracasos e desafíos alleos. Coincidindo coa celebración do Ano Internacional das Cooperativas, celebrouse unha mesa redonda na que se presentou o modelo cooperativo como unha opción real para emprender ou desenvolver un proxecto de forma colectiva, democrática e sostible.
Apoio ao talento emprendedor
Pablo Fernández e Marta Mariño destacaron a firme aposta do Goberno galego pola xeración de riqueza e emprego a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa que conta xa con 15 oficinas espalladas por toda a comunidade. Estes centros ofrecen asesoramento gratuíto tanto a persoas que desexan iniciar un proxecto empresarial como a aquelas que xa emprenderon e buscan consolidarse. Ambos representantes autonómicos lembraron que os arredor de 30 proxectos que participarán no Alento serán seleccionados preferentemente entre os que recibiron apoio a través desta rede promovida pola Xunta, e que xa leva asesorado preto de 4.400 proxectos.
O programa Alento.Impulso a comunicación para emprender enmárcase precisamente na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, e está integrado no programa anual de actividades do Centro de Orientación ao Emprendemento e busca impulsar os negocios emprendedores competitivos e que contribúan á xeración de emprego.
Servizos de Alento
Os servizos ofertados poden ser deseño de imaxe corporativa e deseño e desenvolvemento de web e ecommerce, definición da estratexia e accións de márketing dixital, desenvolvemento de gráficas publicitarias, investigación de mercados, accións relacionadas coa estratexia de comunicación para pemes, de vídeo marketing e tamén produtos de impresión publicitaria.
A finalidade é que estas tarefas sirvan de apoio á comunidade emprendedora en aspectos como a busca de novas canles de comercialización, novos públicos obxectivos, melloras no valor percibido dos produtos e servizos e promoción en xeral, co fin de conseguir unha oferta diferenciada e rendible.