A Xunta impulsa o proxecto global 'Historias LGBTI da Galicia orgullosa' para visibilizar as vidas diversas que non quedaron rexistradas pero existiron
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Será un espazo dixital colaborativo aberto á cidadanía que parte dunha selección de imaxes históricas e actuais para calquera persoa poida achegar fotografías e historias que axuden a construír un relato máis diverso e real da nosa historia
- Conta tamén cunha mostra, que pode visitarse en San Caetano e durante agosto na Cidade da Cultura, e recolle imaxes de vidas de persoas LGBTI máis e menos coñecidas así como momentos históricos do colectivo LGBTI galego

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, inaugurou esta mañá en San Caetano a exposición que forma parte do proxecto global impulsado pola Xunta con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBTI, que se celebra cada 28 de xuño. Esta iniciativa, que leva por título Historias LGBTI da Galicia Orgullosa, é un arquivo inédito de relatos de onte, hoxe e mañá que ten como obxectivo de tecer o relato máis amplo e diverso da Galicia Orgullosa.
Historias LGBTI da Galicia Orgullosa é un proxecto que nace hoxe con convencemento de que "reparar na historia é reparar a historia" e que ten unha visión a longo prazo de manter vivo ao longo do tempo, facendo crecer a rede de relatos e lembranzas. Neste sentido, será un espazo dixital colaborativo aberto á cidadanía que parte dunha selección de imaxes históricas e actuais para que, desde xa, calquera persoa poida achegar fotografías e historias que axuden a construír un relato máis diverso, máis afectivo e real da nosa historia. Para isto, está xa a disposición a páxina www.galiciaorgullosa.xunta.gal, co obxectivo de que, nos próximos meses, se converta nun arquivo sen precedentes.
Esta iniciativa conta co acompañamento e traballo da investigadora Daniela Ferrández, como especialista en memoria LGBTI. Tamén foi posible grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega a través de diversas fotografías do seu Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, Fondo especial MOFG e LGBTIQ+, así como do arquivo familiar de Maruja Roca, cunha das fotografías incluídas no libro O feitizo de Maruja Roca, editado pola Central Folque, coa edición fotográfica de Eutropio Rodríguez e os textos de Nieves Neira.
O poder da simboloxía: encaixe e a cor rosa
O proxecto inspírase no encaixe de Camariñas, como símbolo de tradición e comunidade en Galicia. Así, igual que cada fío do encaixe constrúe unha rede complexa e bela, cada historia das persoas LGBTI contribúe a tecer unha memoria compartida, diversa e afectiva. Por outra banda, a cor rosa, que vertebra a proposta, foi resignificado polo movemento LGBTI como símbolo orgullo, memoria e resistencia e agora convértese na cor dunha Galicia Orgullosa.
Exposición en San Caetano e na Cidade da Cultura
A exposición, que pode visitarse desde hoxe no edificio da Pirámide, recolle imaxes históricas de casos coñecidos, como o de Elisa e Marcela, e doutras experiencias vitais con menos eco como a de Maruja Roca, Manolito Soler ou Dalia Flores. Tamén se recollen momentos históricos do colectivo LGBTI galego, como a primeira celebración en Galicia no ano 1980 do Día Internacional do Orgullo Gai, o nacemento dos primeiros grupos de liberalización homosexual ou a posta en marcha das denominadas Comisións de Lesbianas da Asociación Galega da Muller (AGM). Do mesmo xeito, no mes de agosto, a mostra viaxará en agosto á Cidade da Cultura para que poida ser visitada no Hall de tirantes do Museo Centro Gaiás.
Peza audiovisual do proxecto
A peza parte dunha metáfora visual moi poderosa: fotografías antigas reais nas que faltan persoas. En lugar de usar as tesoiras para recortar, as mans protagonistas "reconstrúen" esas siluetas que estaban ausentes. O vídeo está gravado ao revés, de xeito que a acción de cortar se transforma en recuperar. Esta elección narrativa busca transmitir que reparar a historia é tamén recuperar as vidas esquecidas.
Unha lata de galletas familiar garda esas imaxes, que son símbolo dunha memoria compartida. A acción cotiá, íntima, na mesa dunha casa galega, serve como escenario para poñer en valor o doméstico e o aparentemente pequeno, elevándoo a memoria colectiva. E nese intre, o vídeo eleva literalmente esas fotos, que saen soas, disparadas da caixa simbolizando todo o que está por amosar e visibilizar. A peza musical "O Ar", de Eris Mackenzie, unha aposta pola música galega con raíz, sensibilidade e compromiso. A elección de Mackenzie encaixa coa intención da campaña: tecer unha memoria emocional e cultural desde dentro da comunidade.