A Xunta recoñece cinco centros escolares e tres cooperativas nas edicións deste ano do certame Cooperativismo no ensino e dos Premios á cooperación
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións de ambas iniciativas, que no caso do ensino recaeron en centros das localidades de Moaña, Tomiño, Barreiros, A Coruña e Vigo e as cooperativas premiadas son Rexenerando, Illa Bufarda e Lemos
- En Cooperativismo no ensino, os premios son de entre 1.500 a 4.500 euros segundo a modalidade e no caso dos Premios á cooperación cada unha das cooperativas galardoadas recibirán unha dotación de 5.000 euros
- Por primeira vez este ano a o Goberno galego unificou nunha mesma orde estes recoñecementos da economía social de Galicia co fin de avanzar na simplificación administrativa e na difusión dos valores do cooperativismo

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025
Un total de cinco centros galegos das localidades de Moaña, Tomiño, Barreiros, A Coruña e Vigo, recibirán os premios do certame Cooperativismo no ensino e as cooperativas Rexenerando, Illa Bufarda e Lemos os Premios á cooperación, tal e como especifican as resolucións das edicións deste ano de ambas iniciativas, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia.
Por primeira vez este ano a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración unificou nunha mesma orde estes recoñecementos da economía social de Galicia co fin de avanzar na simplificación administrativa e na difusión dos valores do cooperativismo entre o alumnado dos centros educativos da comunidade galega, así como para recoñecer o labor que realizan as cooperativas no desenvolvemento deste modelo. Estas edicións coinciden co feito de que o 2025 foi declarado pola ONU Ano Internacional das Cooperativas baixo o lema As cooperativas constrúen un mundo mellor.
No caso de Cooperativismo no ensino, o concurso inclúe diferentes modalidades dirixidas ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial; para as alumnas e alumnos dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial e para centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial. Está dotado con premios de entre 1.500 a 4.500 euros segundo a modalidade.
O CEIP Plurilingüe Domaio, de Moaña, resultou gañador na modalidade de actividades artísticas nas categorías do alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil -polo traballo Os súper saudables: cooperación en acción-; para o primeiro e segundo curso de Educación Primaria -con Cooperamos por unha biblioteca chea de vida-; na categoría de terceiro e cuarto de Educación Primaria, co traballo A aventura de cooperar pola igualdade, xogando e creando, e tamén na cuarta categoría desta modalidade, a dirixida a quinto e sexto de Educación Primaria, co proxecto Coñécete, coopera, transforma.
O áccesit nesta modalidade de actividades artísticas da categoría destinada ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil recae no CEIP Pintor Antonio Fernández, de Tomiño, con Sementando cooperativismo. O CEIP San Miguel de Reinante, en Barreiros, obtén os áccesit no resto de categorías, na de primeiro e segundo curso de Educación Primaria, con Cocoperativismo; na de terceiro e cuarto de Educación Primaria, con Cooperaencoro, e na dirixida a quinto e sexto de Educación Primaria, por Coop-Nector.
Mellor proxecto empresarial cooperativo
A modalidade do concurso para proxectos empresariais cooperativos premia a centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial. Nesta edición o premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo foi para Milgranda, Sociedade Cooperativa Galega, presentado polo alumnado do IES Rosalía Mera da Coruña. O accésit será para Maruxía, do alumnado da Sociedade Cooperativa Galega Mendiño de Vigo. Ambas iniciativas poderán entrar a formar parte dos programas de emprendemento na economía social e mentorización que desenvolve a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Rede Eusumo e da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.
Premios á cooperación
En canto Os Premios á cooperación, están dotados con 15.000 euros -5.000 euros por categoría- e a eles podían optar todas as cooperativas galegas que teñan destacado polo seu traballo, que estean ao día das súas obrigas e que non resultaran recoñecidas en anos anteriores. Así, o premio aos valores cooperativos outórgase á ferrolá Rexenerando, unha cooperativa que traballa no eido do social e formada por un equipo multidisciplinar de persoas con valores compartidos. Nesta categoría visibilízase o labor da entidade que -entre as presentadas- máis ten destacado no impulso dos valores e principios cooperativos recoñecidos como a adhesión voluntaria e aberta, a xestión democrática, e equidade, a solidariedade, a transparencia, a educación e formación ou ao interese demostrado en favor da comunidade, entre outros.
En segundo lugar, como mellor proxecto cooperativo novo recoñécese a Illa Bufarda, de Santiago de Compostela e que traballa en produción audiovisual. En concreto, a categoría busca distinguir unha entidade cunha antigüidade igual ou menor a 42 meses no momento da convocatoria, que destaque polas contribucións nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais. Por último, o galardón á mellor traxectoria é para a cooperativa Lemos, de Monforte de Lemos e dedicada á comercialización de leite (primeira compradora) e de vacún de carne. Este galardón diríxese a cooperativas con máis de 42 meses de antigüidade que teñan resaltado, entre outros, pola solidez dos resultados económicos acadados, a xeración de postos de traballo, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial do seu negocio.