A Xunta convida a aproveitar as múltiples posibilidades de negocio e de lecer que ofrece a Feira Internacional Abanca Semana Verde
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participaron na inauguración do evento, que segue medrando tanto en expositores como en actividades
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Silleda (Pontevedra), 5 de xuño de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participaron hoxe na inauguración da Feira Internacional Abanca Semana Verde, que abre as súas portas ata o vindeiro domingo no recinto feiral de Silleda. Na súa intervención, Diego Calvo convidou a aproveitar ao máximo as múltiples posibilidades de negocio e de lecer que ofrece o evento a profesionais e público en xeral.
O conselleiro destacou o crecemento constante deste encontro multisectorial, que suma xa 47 edicións, superándose ano tras ano en participación de expositores e en actividades. Así, aos habituais salóns temáticos centrados na alimentación, na caza, pesca e natureza, e no turismo, acompañados da presenza doutros moitos sectores, súmase como novidade a I Feira da beleza e a estética avanzada para afondar no mundo do coidado persoal.
Segundo sinalou, os expositores directos, que xa en 2024 sumaron a maior cifra dos últimos 17 anos, volven medrar, chegando aos 758. "Esta convocatoria é ademais a máis internacional dos últimos 20 anos, con 69 expositores directos estranxeiros, case o dobre que o ano pasado", engadiu. Diego Calvo puxo tamén o foco na vertente profesional, que permite "atopar colaboradores, establecer alianzas e aumentar a visibilidade achegándose ás persoas consumidoras".
En canto ás actividades, este evento consolidado como a maior feira multisectorial do noroeste peninsular ofrece un amplo e variado programa con máis de 200 propostas lúdicas e de intercambio profesional. "Sumar 47 edicións e seguir superándose tanto en expositores como en internacionalización, demostra unha fortaleza de organización e loxística que poucos espazos poden ofrecer coas garantías deste recinto" apuntou.
Por outra banda, o conselleiro incidiu no crecente protagonismo do deporte na programación da feira, xa que, ademais da tradicional carreira popular, o open de xadrez e espectáculos do motor con pilotos de referencia, estrea exhibicións e cursos de skate.
Asemade, cómpre lembrar a relevancia deste evento para o sector agrogandeiro galego, xa que constitúe unha oportunidade para favorecer encontros que poidan derivar en futuros negocios e axuden a impulsar o progreso do rural.
Neste contexto, a conselleira do Medio Rural asistiu tamén á sinatura do convenio de colaboración entre a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia e Vegalsa- Eroski para a comercialización do produto amparado por este selo de calidade diferenciada. Gómez sinalou que este tipo de "alianzas estratéxicas" son especialmente beneficiosas para os produtores, distribuidores e comercializadores. Recoñeceu tamén a importancia de que os grandes grupos agroalimentarios aposten polos produtos galegos, o que supón un "pulo económico" para Galicia e o seu rural.