A Xunta participa nunhas xornadas sobre os oficios vinculados ao liño na Costa da Morte
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A xerente da Fundación Artesanía de Galicia asistiu á xornada O liño e as iniciativas emprendedoras transformadoras: estratexia para un desenvolvemento sostible na Costa da Morte, organizada polo Consello da Cultura Galega e Concello de Zas
- Nesta cita participou tamén Carmen Riveiro, tecedeira e Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2022 en grande parte polo seu traballo na divulgación e transmisión dos oficios do liño

Zas (A Coruña), 31 de maio de 2025
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu esta mañá en Zas á xornada O liño e as iniciativas emprendedoras transformadoras: estratexia para un desenvolvemento sostible na Costa da Morte, onde se puxo o foco na posibilidade de recuperar a industria téxtil tradicional do liño nesa zona e darlle un novo impulso socioeconómico. Na xornada, que estivo organizada polo Consello da Cultura Galega e polo Concello de Zas, participou a artesá Carmen Rivero, titular do obradoiro Liño de Galicia, pertencente á marca Artesanía de Galicia; tecedeira, divulgadora e unha das principais promotoras da recuperación do cultivo e da artesanía do liño na comunidade galega, méritos que a levaron a recibir o Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2022.
Carmen Riveiro foi unha das promotoras da Asociación Amigos do Liño no ano 1993, que desenvolve un importante labor de recuperación da tradición vinculada á artesanía téxtil do liño, da que Galicia foi potencia entre finais do século XVII e principios do XIX. Ademais da mesa redonda na que participou, na xornada falouse sobre a xestión dos recursos naturais e culturais baseados na innovación, o pasado e futuro do liño ou da importancia do emprendemento como elemento transformador no rural galego.
Este simposio pretende sondar se sobre esta industria téxtil tradicional é posible comezar unha estratexia de impulso socioeconómico na Costa da Morte, partindo desa reintrodución do cultivo do liño e identificando e fomentando oportunidades de valor económico e social mediante un programa de formación, emprendemento e aceleración de proxectos. Esta estratexia comportaría un esforzo integral para revitalizar as comarcas da Costa da Morte e estaría baseada na especialización intelixente e as iniciativas emprendedoras transformadoras, combinando a análise de mercado, a formación e a incubación de empresas sostibles. O proxecto aspiraría a asegurar un impacto positivo e duradeiro na economía e o tecido social de toda a bisbarra.