Martina Aneiros destaca en Neda o apoio integral que a Oficina Móbil de Retorno da Xunta ofrece aos galegos chegados do exterior
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A delegada territorial de Ferrol visitou esta mañá este servizo itinerante localizado diante da igrexa de Santa María de Neda
- A oficina móbil leva visitado dende 2024 medio centenar de concellos na provincia da Coruña, asesorando a máis de 220 familias e tramitando máis de 90.000 consultas

Neda (A Coruña), 28 de maio de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao alcalde de Neda, Ángel Alvariño e o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou esta mañá a oficina móbil de retorno ao seu paso polo concello de Neda, onde puxo en valor este servizo da Xunta como un recurso innovador destinado a ofrecer un apoio integral ás familias retornadas, con independencia da súa localización xeográfica.
Tal e como sinalou a representante do Goberno autonómico, dende 2024 esta oficina itinerante que percorre as áreas rurais e periurbanas de Galicia, visitou 50 concellos na provincia da Coruña, asesorando a máis de 220 familias e tramitando máis de 90.000 consultas.
Este servizo complementa as oficinas permanentes de atención ao retorno situadas nas cidades de Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo e nela se prestan os mesmos servizos posto que contan cos técnicos especializados destas que se desprazan para atender a todas aquelas persoas que desexen realizar unha consulta.
A delegada territorial lembrou que esta medida enmárcase dentro da Estratexia Galicia Retorna coa que o Goberno galego pretende facilitar o regreso das galegas e galegos que no seu día emigraron ou dos seus descendentes. "Retornar é un dereito de todos os galegos pero tamén unha oportunidade para Galicia para afrontar o reto demográfico e incorporar o talento dos galegos da diáspora ao noso mercado de traballo, demandante de man de obra cualificada", explicou Aneiros.
Servizos que se ofrecen
Entre os servizos que se ofrecen a través das oficinas de retorno —tanto nas fixas como na móbil— atópanse o asesoramento sobre programas de apoio ao retorno, ofrecendo información actualizada sobre as axudas económicas e programas dispoñibles para facilitar a integración en Galicia. Tamén se brinda axuda nos trámites administrativos, prestando apoio na realización de xestións relacionadas coa sanidade, a vivenda, a educación, a Seguridade Social e outras cuestións importantes para a vida cotiá das persoas retornadas.
Ademais, inclúese orientación laboral, proporcionando asesoramento para a busca de emprego en Galicia e guía sobre a validación de títulos acadados no estranxeiro. A este respecto —e co obxectivo de contribuír de xeito máis eficaz a captar e reter o talento dos galegos e galegas do exterior—, o novo plan de formación do Servizo Público de Emprego de Galicia tamén está destinado ao persoal destas oficinas de retorno, para seguir avanzando na eficacia do servizo.
As próximas visitas programadas da oficina móbil de retorno da Xunta a Ferrolterra están previstas para o 1 de xullo, na Capela, e o día 4, en Cariño.