A Xunta desenvolverá na Illa de Ons un proxecto de rehabilitación para recuperar a capela de San Xaquín
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O Goberno galego licitará nos vindeiros meses esta actuación, que contará cun investimento estimado de 170.000€
- O obxectivo da intervención será solucionar as patoloxías do templo derivadas do paso do tempo, as humidades e a entrada de auga desde o exterior
- Ángeles Vázquez salienta que esta é unha mostra máis da boa colaboración entre os distintos departamentos da Xunta, que permite desenvolver actuacións integrais para a recuperación e posta en valor do patrimonio cultural e natural da comunidade
- López Campos destaca o compromiso do Executivo autonómico coa conservación dos bens culturais e a súa vinculación coa riqueza paisaxística do territorio "conformando un conxunto de gran valor polo que velamos"

Bueu (Pontevedra), 22 de maio de 2025
A Xunta de Galicia acometerá a rehabilitación da capela de San Xaquín de Ons cunha actuación encamiñada a solucionar as diversas patoloxías que presenta este ben patrimonial, derivadas do paso do tempo, as humidades e a entrada de auga desde o exterior. Así o anunciaron durante a visita que realizaron hoxe á illa a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Os representantes do Executivo galego explicaron que se realizou unha valoración do estado do templo, localizado nun recinto pechado ao sur dun dos espazos que conforman o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que apunta a que a actuación contará cun investimento aproximado de 170.000 euros.
Neste senso, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático resaltou a colaboración e cooperación constante que existe entre os distintos departamentos da Xunta, que permite desenvolver proxectos integrais coma este que se vai levar a cabo en Ons ou como o xa realizado na illa de Cortegada.
Outro exemplo que salientou foi o da escavación no castro, actuación na que colabora a Universidade de Vigo e na que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático garante a conservación da contorna e a integración dos achados no Parque Nacional mentres que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa a musealización e difusión do patrimonio arqueolóxico.
Son dous claros exemplos, indicou a representante autonómica, do traballo que está a facer o Executivo galego para recuperar o patrimonio cultural das illas do Parque Nacional e poñelo a disposición do conxunto da cidadanía, para que poida coñecelo, desfrutalo e valorar a súa historia pasada.
Na mesma liña, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destacou "o reiterado compromiso que desde o departamento temos coa recuperación, conservación e posta en valor dos nosos bens culturais", puntualizando que "son moitos os casos nos que a riqueza patrimonial vai da man da riqueza paisaxística e natural no noso territorio, conformando un conxunto de gran valor polo que velamos desde a Administración autonómica de maneira transversal, mantendo ambas as dúas nas mellores condicións".
López Campos lembrou que ademais do especial interese en recuperar os monumentos de espazos protexidos como é este Parque Nacional ou os que se atopan nos camiños de Santiago, "o noso obxectivo é coidar o noso patrimonio, a nosa historia, en calquera lugar de Galicia".
Traballos a realizar
Tal e como explicaron os representantes da Xunta, o informe elaborado a petición do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia conclúe que, como consecuencia do paso dos anos e da climatoloxía, a capela sufriu diversos danos como o desprendemento de parte do falso teito, quedando a outra parte tamén en perigo de derrubamento. Ademais, a outras deficiencias provocadas pola entrada de auga pola cubertas e as fachadas, súmaselle que a madeira está afectada polo ataque de xilófagos.
É por iso que os traballos deberán centrarse no derrubamento dese falso teito, da cuberta de tella e da estrutura de madeira de pontóns para abordar seguidamente a súa recuperación mediante o uso de novos materiais e a recolocación dos elementos orixinais que se poidan restaurar. Ademais, é preciso actuar na fachada principal con tarefas de picado, saneado e novo encalado, mentres que as laterais e a posterior tamén serán obxecto dunha limpeza e saneamento.
O informe previo recolle tamén a necesidade de pulir o chan de terrazo, de drenar para evitar humidades, de realizar tratamentos antixilófagos, de restaurar a carpintería da porta e novas carpinterías para os ocos das ventás e de instalar un novo sistema de electricidade e iluminación da capela, que foi inaugurada en 1848.
Ciclo da auga
Por outro lado, Ángeles Vázquez puxo en valor que o esforzo da Xunta non se limita ao patrimonio cultural senón que tamén busca mellorar as condicións de vida das persoas que viven neste espazo protexido ou a preservar a súa rica biodiversidade. Nesta liña, lembrou que este ano está previsto rematar as obras para mellorar ao ciclo da auga no Parque Nacional, que inclúen a construción dunha depuradora de última xeración en Ons e a mellora das instalacións para o abastecemento de auga potable tanto para a veciñanza como para atender o resto de servizos existentes cun investimento de preto de 1,4 millóns de euros.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático subliñou que a estas actuacións se engaden outras previstas para este ano que suman un investimento de máis de 380.000 euros -hai algunhas adicionais que dependen da dispoñibilidade de fondos europeos- e que inciden na conservación natural da illa así como en dar a coñecer os seus valores mediante campañas de divulgación e a organización de distintas actividades.
Entre as accións programadas inclúense varias para o control e eliminación de especies exóticas invasoras, a creación e mellora de áreas recreativas e zonas de uso público, o deseño de rutas ambientais e patrimoniais, actuacións para a preservación das aves mariñas ou traballos de mellora nos hábitats mariños, entre outras.