A colaboración entre a Xunta e as dioceses permitiu que no 2024 máis de 12.600 persoas galegas do exterior conseguisen documentación sobre a súa orixe familiar
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A cantidade de certificados emitidos o ano pasado é case o dobre que a de 2023 e deles preto da metade obtivéronse a través do arquivo histórico da Arquidiocese de Santiago de Compostela
- José González destacou o valor dos arquivos destas entidades para a comunidade galega residente no exterior na expedición de certificados acreditativos da ascendencia galega e que son clave para tramitar a nacionalidade española
- Sinalou que a Xunta reforza ano a ano a colaboración con estas entidades favorecendo a atención das solicitudes de documentos acreditativos con rigor e axilidade
- A Xunta contrapón a estabilidade desta cooperación coa incerteza do Goberno central na aprobación improvisada da Lei de Memoria Democrática, sen ter en conta a situación da rede consular e que derivou no colapso das solicitudes de nacionalidade
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe o arquivo histórico da Arquidiocese de Santiago de Compostela coa que a Xunta colabora para facilitar a consulta e expedición de certificados acreditativos da ascendencia galega ás persoas emigrantes galegas e á súa descendencia. A esta colaboración súmase tamén a que o Goberno galego mantén coas dioceses de Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, Tui-Vigo e Astorga e que en total permitiron que no 2024 máis de 12.600 galegas e galegos do exterior conseguisen documentación sobre a súa orixe familiar, o que supón case o dobre que no 2023.
Desas persoas, máis de 6.100 fixérono a través da Arquidiocese de Santiago de Compostela. Neste sentido, o conselleiro puxo de relevo o valor dos arquivos destas entidades para a expedición de certificacións de nacemento, bautismo, matrimonio ou defunción, acreditativos da ascendencia galega e que son clave, entre outros aspectos, para tramitar a nacionalidade española ao abeiro da lei estatal de Memoria democrática. Grazas a estes espazos e á información que gardan sobre antepasados, engadiu, milleiros de galegos do exterior puideron reconstruír os seus lazos con Galicia. Ademais de facilitar trámites legais e administrativos, estes documentos acreditativos tamén son chave para recuperar a memoria familiar e, en numerosas ocasións, saber se quedan familiares en Galicia, engadiu José González.
Conscientes da importancia do labor do arquivo histórico da Arquidiocese de Santiago e dos das dioceses e do aumento da demanda destes documentos acreditativos, sinalou, a Xunta reforza ano tras ano a colaboración con estas entidades para garantir que poidan atender estas solicitudes con rigor e axilidade.
Esta cooperación ten como finalidade a atención específica e prioritaria a solicitudes dos galegos residentes no exterior, a dixitalización e sistematización de documentación histórica e a expedición de certificacións de nacemento, bautismo, matrimonio ou defunción, acreditativos da ascendencia galega, por medio da consulta dos libros sacramentais dos fondos parroquiais concentrados nos arquivos históricos destas entidades. Nesta liña puxo como exemplo o traballo do arquivo histórico da Arquidiocese de Santiago de Compostela, labor que agradeceu ao arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto e ao director do arquivo, Salvador Domato, ambos presentes na visita de hoxe.
Estabilidade fronte a incertezas
A Xunta contrapón a estabilidade que brinda esta colaboración coa incerteza que provoca o Goberno central con feitos como a aprobación improvisada da Lei de Memoria Democrática, sen ter en conta a situación da rede de consulados e que derivou no colapso da tramitación das solicitudes de nacionalidade e no bloqueo doutros trámites ordinarios, entre outros a emisión de partidas de nacemento. Ante esta situación, o Executivo galego reclamou máis medios no pasado Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior e insistiu na necesidade de elaborar unha norma específica de nacionalidade, que permita o acceso permanente e sen limitacións temporais á nacionalidade española.