A Xunta e Stellantis continuarán traballando conxuntamente para reforzar a competitividade das empresas provedoras do sector de automoción en Galicia
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Destaca que o ecosistema de empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento que rodea a fábrica de Stellantis en Vigo son un valor engadido que convén seguir afianzando
- Stellantis destaca o potencial que ten a planta de Vigo e manifesta o seu interés polo desenvolvemento da competitividade do tecido de provedores de Galicia, para o que considera importante o apoio da Xunta de Galicia o sector

Turín, 8 de maio de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, agradeceu hoxe a Stellantis a oportunidade de "explicar o que supón a presencia da súa fábrica en Vigo" e en toda Galicia, así como a importancia da produción das empresas provedoras do sector da automoción en Galicia. Segundo afirmou, o obxectivo é "fixar toda esa industria" e que siga "permanecendo na nosa terra".
Na súa primeira visita á sede central de Stellantis en Europa, localizada na cidade italiana de Turín, o titular do Executivo galego mantivo un encontro co director de Operacións da Rexión Europa Extendida de Stellantis, Jean-Philippe Imparato, que salientou o potencial que ten a planta de Vigo e trasladou a Rueda o seu interés polo desenvolvemento da competitividade do tecido de provedores de Galicia, para o que considerou importante o apoio da Xunta de Galicia o sector.
Na xuntanza, o presidente da Xunta puxo en valor o esforzo do Goberno galego con todas as liñas de apoio que está a poñer en marcha para o sector da automoción que teñen como obxectivo consolidar as relacións estratéxicas que Stellantis vén mantendo coas empresas da cadea de subministración en Galicia.
Rueda afirmou que o futuro deste sector na Comunidade está ligado ás alianzas que Stellantis Vigo siga tecendo cos provedores locais e centros tecnolóxicos e de coñecemento". Por iso, todos os esforzos da Xunta van encamiñados a blindar as capacidades da industria auxiliar, nun momento tan esixente no que os principais retos da automoción están na electrificación e na descarbonización.
Durante a reunión, Rueda detallou ao equipo directivo do grupo en Europa as principais liñas de acción do Plan director da automoción, aprobado o pasado mes de marzo, a través do cal, a Xunta compromete un investimento de 230 millóns de euros ata 2027, en diferentes liñas de axudas das que se poden beneficiar, fundamentalmente, os provedores de compoñentes e, en xeral, todo os actores da cadea de valor.
22 liñas de apoio
En concreto, das 65 medidas recollidas no plan, 22 delas son liñas de apoio ás que a maior parte podería optar Stellantis, tal e como se expuxo na xuntanza. Trátase de axudas no eido da internacionalización, das renovables e da eficiencia enerxética, innovación, formación e, fundamentalmente, dixitalización.
Rueda puxo en valor o carácter estratéxico da automoción para a economía galega, que comprende en Galicia a máis de 200 empresas e preto de 23.600 empregos directos, o 14,1 por cento do emprego industrial da Comunidade, sector que, segundo datos do clúster, pechou 2024 cunha facturación de 12.800 millóns de euros, o que equivale ao 15,7 % do PIB autonómico.
Así mesmo, durante o mesmo período, as exportacións acadaron os 8.970 millóns de euros, o 29 por cento do total de Galicia, onde destacan as vendas ao exterior da industria de compoñentes, que creceron máis que o conxunto do sector, un 10 por cento, ata os 2.170 millóns de euros, o seu máximo histórico.
Na súa visita, o presidente da Xunta reivindicou a importancia da industria galega da automoción, que en 2024 fabricou o 21,7 por cento dos vehículos producidos en España, polo que Galicia lidera o ránking estatal, grazas a Stellantis Vigo.