A Xunta reivindica a estabilidade financeira e fiscal de Galicia para dar seguridade a empresas e cidadáns
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, clausurou as XIII Xornadas Técnicas de Fiscalidade e Contabilidade organizadas polo Colexio de Economistas da Coruña
- Destacou a importancia de ter orzamentos aprobados en tempo e forma, de xeito que os principais cambios fiscais introducidos neles se estean aplicando xa
- As bonificacións aprobadas polo Goberno galego en materia de vivenda desde o 2016 permitiron un aforro de case 150 M€ aos galegos e galegas
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 7 de febreiro 2025
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reivindicou hoxe a estabilidade financeira e fiscal de Galicia, para dar seguridade a empresas e cidadáns.
Durante a clausura das XIII Xornadas Técnicas de Fiscalidade e Contabilidade organizadas polo Colexio de Economistas da Coruña, Miguel Corgos fixo un repaso polo modelo fiscal galego que, dixo, é un modelo propio que destaca a autonomía fiscal de Galicia, fai compatibles as rebaixas fiscais coa blindaxe dos servizos públicos e está consolidado e é sostible, posto que se adapta á situación económica de cada momento.
O responsable da Facenda galega quixo poñer en valor que, nunha etapa marcada polo proceso inflacionista e a suba de impostos continuada do Goberno central, a Xunta foi capaz de marcar unha diferencia para a economía de familias e empresas, aliviando a carga fiscal das galegas e galegos con máis dun cento de rebaixas de impostos nos últimos anos.
Logo de destacar a importancia de ter uns orzamentos aprobados en tempo e forma, de xeito que os principais cambios fiscais introducidos neles se estean aplicando xa, puxo tamén de relevo que as decisións en política fiscal se toman tendo en conta aos colectivos prioritarios: as rendas medias e baixas, os menores de 36 anos, as familias numerosas e os colectivos vulnerables.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública defendeu que a política fiscal na Comunidade galega busca, así mesmo, favorecer os sectores estratéxicos para apoiar o tecido empresarial e dinamizar a economía. Destacou, por exemplo, que Galicia tense consolidado como unha das comunidades autónomas con mellor tratamento fiscal no Imposto de Sucesións e, para continuar nesta liña, entrou xa en vigor a nova redución deste tributo que mellora o tratamento dos parentes do grupo III (irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras).
Apoio ao acceso á vivenda
O acceso á vivenda é a prioridade do Goberno nesta lexislatura pero non é algo novo, xa que desde o ano 2009 mantéñense tipos reducidos para colectivos prioritarios como a mocidade ou as familias numerosas. De feito, as bonificacións aprobadas polo Goberno galego en materia de vivenda desde o 2016 permitiron un aforro de case 150 M€ aos galegos e as galegas.
Os orzamentos de 2025 contemplan novas medidas fiscais, xa en vigor, para favorecer tanto a compra como o aluguer. No mercado da compra, redúcese o Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para comprar locais comerciais que se destinen a vivenda. Bonifícase o 75% do Imposto de Actos Xurídicos Documentados (IAXD) para adquirir, construír e rehabilitar edificios de vivendas destinadas ao aluguer. E bonifícase totalmente o Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) para as operacións de vivenda protexida realizadas polo IGVS e as sociedades públicas autonómicas.
Para favorecer o aluguer aprobouse unha dedución no IRPF do 15% dos gastos de reparación e conservación para poñer un inmoble baleiro en aluguer e outra dedución no IRPF, de 500 euros, polo aluguer de vivendas baleiras.
O conselleiro de Facenda lembrou tamén medidas que levan moitos anos en marcha, como o programa pioneiro en España Impostos 0 no rural ou incentivos máis recentes a outro sector moi importante en Galicia, como é o de automóbil.