Entra en vigor o Plan da Xunta para axilizar e simplificar o acceso á dependencia e á discapacidade
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Ábrese unha vía preferente de atención para as persoas maiores de 80 anos
- Elimínanse as trabas burocráticas e só coa solicitude é suficiente para iniciar o procedemento
- Establécese unha solicitude única para a dependencia e a discapacidade, que se valorarán e resolverán de maneira conxunta
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2025
O Plan de axilización e simplificación do acceso aos servizos de dependencia e discapacidade da Xunta de Galicia, en vigor desde este mes de xaneiro, abre unha vía preferente para as persoas maiores de 80 anos. Esta é unha das novidades deste plan, que ten como obxectivo seguir mellorando o acceso aos servizos, reducir os prazos e a burocracia e unificar os trámites da dependencia e a discapacidade.
O plan aprobouse en Consello da Xunta o pasado 27 de decembro e supón un investimento de 90 millóns de euros. Tal e como sinalou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, conta con sete eixos principais: reducir ao máximo a burocracia, fixar un procedemento conxunto que aforre tempos e trámites, a mellora da xestión das citas, a optimización da xestión administrativa, o reforzo do papel dos servizos sociais, o establecemento dun protocolo de colaboración entre Política Social e o Sergas e a posta en marcha dun plan de formación.
Deste xeito, e para avanzar na eliminación das trabas burocráticas, os solicitantes non terán que presentar un documento máis que a solicitude, que contará coa información social e familiar suficiente para resolver. Ademais, porase en marcha un asistente virtual que os guiará paso a paso na presentación de solicitudes electrónicas. A isto unirase o asesoramento no procedemento dos traballadores sociais dos concellos.
Un único procedemento
Outra das novidades é a unificación dos procedementos de dependencia e discapacidade. Así, poderase solicitar ao mesmo tempo e cunha única cita a dependencia e a discapacidade, que tamén se valorarán e resolverán de xeito conxunto, emitíndose ao mesmo tempo o recoñecemento do grao de dependencia, a aprobación do Programa Individual de Atención (PIA) e a porcentaxe de discapacidade.
Ademais, aplicarase unha homologación de dependencia á discapacidade. As persoas con dependencia recoñecida e que xa teñan neste momento solicitada a discapacidade recibirán no mes de xaneiro a resolución do seu certificado. Deste xeito, as de grao 1 terán recoñecido un 33% de discapacidade, as de grao 2, un 66% e as de grao 3, un 100%.
Non obstante, esta homologación será aplicable tamén ás persoas dependentes unha vez soliciten o seu certificado de discapacidade.
Citas e reforzo do persoal
Este plan tamén inclúe a mellora do sistema de citación, a través da posta en marcha dunha plataforma automatizada a través dunha mensaxe no móbil. O sistema de atención telefónica tamén se optimizará para consensuar coas familias as datas de valoración.
Os plans de reforzo de persoal para as valoracións, cuxa vixencia remataba agora, amplíanse ata o ano 2027. Isto supón continuar co reforzo de 107 profesionais. Ademais, en 2025 crearase unha xefatura de servizo de discapacidade nas catro provincias, o que redundará nunha mellor coordinación e planificación de todo o persoal. A isto sumarase a posta en marcha dun plan de produtividade con incentivos económicos.
Con este plan de axilización e simplificación, blindase o traballo dos servizos sociais de base, de xeito que se poidan centrar na atención directa das persoas ao ver rebaixada a carga de traballo burocrático. Este persoal ofrecerá un completo asesoramento sobre a presentación da solicitude e sobre os servizos e prestacións aos que teñen dereito, realizando o correspondente seguimento. Como novidade, poderán presentar vía electrónica a solicitude en nome da persoa solicitante.
Colaboración co Sergas e formación
Outro dos avances que se introduce no sistema é o establecemento dun protocolo de colaboración co Sergas, que permitirá a emisión do informe de saúde de xeito rápido e por vía electrónica.
O sétimo piar deste plan é o desenvolvemento dun programa de formación para os traballadores dos servizos de dependencia e discapacidade. Tamén para os dos centros de saúde e os dos concellos. A este persoal darase información sobre aspectos fundamentais como: os cambios introducidos na normativa, as actualizacións das aplicacións, as ferramentas dispoñibles para a información e asesoramento ou a presentación telemática das solicitudes.
Por último, porase en marcha unha comisión de seguimento do plan, que se reunirá cunha periodicidade mínima trimestral para avaliar a súa execución.