A Xunta entrega 11 novos coches híbridos ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia para reforzar o seu labor técnico a prol da calidade do emprego
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Segundo José González, estes vehículos permiten reforzar o labor do persoal do Issga, tanto no seu horario normal como nas gardas localizadas calquera dos 365 días do ano no caso de accidentes laborais mortais, graves ou de especial incidencia
- Destaca que a renovación do parque móbil continuará en 2025 coa compra de vehículos todoterreo especialmente pensados para as funcións técnicas na actividade forestal e agraria, entre outras de similares características
- Para seguir dando cumprimento á Estratexia de seguridade e saúde laboral no traballo horizonte 2027, o Issga contará o ano que vén cunha partida de 7,8 millóns de euros nos orzamentos autonómicos, un 3% máis ca neste 2024
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, fixo hoxe entrega dun total de 11 vehículos novos ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), poñendo de relevo que estes coches híbridos non só apostan pola seguridade e pola eficiencia enerxética, senón que permitirán reforzar no conxunto do territorio galego o labor do persoal técnico do organismo, tanto no seu horario normal de traballo como nas gardas localizadas a calquera hora dos 365 días do ano no caso de comunicarse algún accidente laboral mortal, grave ou de especial incidencia.
Nun acto no que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, o conselleiro destacou que a renovación do parque móbil continuará no vindeiro ano 2025 coa compra de vehículos todoterreo especialmente pensados para as funcións técnicas na actividade forestal e agraria, entre outras de similares características.
En palabras de González, estas entregas son fundamentais para garantir o traballo de inspección do Issga nas distintas empresas e lugares de traballo, así como a formación, a asistencia ou a colaboración técnica cando se requira o seu persoal cualificado. Lévanse a cabo no marco da Estratexia de seguridade e saúde laboral no traballo horizonte 2027, co gallo de reforzar o que é o órgano técnico-científico da Xunta no eido da prevención de riscos laborais e da promoción da saúde no traballo, que axuda ao tecido produtivo a avanzar na redución da sinistralidade e na mellora da xestión preventiva.
En relación aos medios humanos, o titular de Emprego puxo de relevo que neste 2024 se deu por rematada a cobertura de todas as prazas técnicas do Issga por persoal funcionario, primando a especialización en todas as disciplinas preventivas (seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada, ademais de medicina e enfermaría do traballo). Ademais, segundo recalcou, séguense adecuando os centros provinciais do Instituto, apostando sempre pola mellora continua nas instalacións emprazadas nas cidades da Coruña, Lugo e Ourense e en Redondela.
Compromiso da Xunta
O conselleiro enmarcou estes apoios no compromiso autonómico para garantir a seguridade e a saúde laboral dos galegos e galegas, cumprindo unha folla de ruta consensuada con todos os axentes implicados e que naceu para avanzar na consolidación da calidade do emprego. Galicia —dixo— está a sentar as bases para crear contornas de traballo seguras, saudables e sustentables, situando como valores fundamentais a saúde integral dos traballadores, o crecemento económico e social das empresas e organizacións e o benestar laboral, dando resposta a un mercado en permanente transformación.
Así, segundo destacou, os orzamentos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración consignan para o ano que vén unha partida de 7,8 millóns de euros para o Issga, un 3% máis ca neste 2024. A este importe hai que sumarlle o das axudas en materia de prevención de riscos laborais —incluída promoción—, que superará os 2,9 millóns.