A Xunta abrirá catro novas casas do maior na zona da Costa da Morte, elevando o seu número a 21
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Estes novos espazos de atención diúrna estarán en Dumbría, Ponteceso e Fisterra, con dúas
- Fabiola García instou ao concello de Corcubión a que poña en funcionamento o centro de día que el mesmo construíu
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2024
A Xunta concedeu este ano axudas para abrir catro novas casas do maior na zona da Costa da Morte, o que elevará a 21 o seu número nesta zona. A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, informou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia sobre os recursos de atención ás persoas maiores que hai neste ámbito xeográfico.
A Costa da Morte conta na actualidade con 17 casas do maior en funcionamento, ás que se sumarán outras catro que se acolleron á orde de axudas deste ano. Estas novas casas estarán en Dumbría, que será a primeira que abra as súas portas neste concello, en Ponteceso, que será a segunda, e outras dúas en Fisterra. O resto destes recursos que hoxe están operativos sitúanse nos concellos de Camariñas, Carnota, Laxe e Muxía —que teñen dous cada un deles—, así como en Cee e en Ponteceso —cunha casa do maior un deles—. Ademais, Mazaricos conta con catro recursos e Coristanco ten tres.
Fabiola García lembrou que son espazos de atención diúrna totalmente gratuítos para as familias e que financia integramente a Xunta. A través desta vintena de casas do maior, o Goberno galego pon a disposición das persoas maiores da zona máis de 100 prazas.
Por outra banda, a conselleira instou ao concello de Corcubión a abrir o centro de día que el mesmo construíu e que mantén pechado. Ao respecto, indicou que este centro está na mesma situación que outros servizos deste tipo que dependen dos concellos. Son as entidades locais as que se ocupan da súa xestión e a Xunta contribúe ao seu funcionamento por medio de axudas aos usuarios.
Ademais, Fabiola García tamén lembrou que para aquelas persoas maiores que queren seguir nas súas casas, dispoñen do Bono Coidado no Fogar, unha axuda directa de 5.000 euros anuais.