A Xunta aplaude o labor dos axentes sociais para reforzar a autonomía e a inclusión das persoas con discapacidade intelectual
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica participou no 22º Encontro de persoas autoxestoras que organiza Fademga Plena Inclusión Galicia
- Jacobo Rey trasladoulles o firme compromiso do Executivo Galego no apoio as persoas discapacitadas e aos membros da súa contorna

Teo (A Coruña), 25 de outubro de 2024
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou na inauguración do 22º Encontro de persoas autoxestoras que organiza cada ano Fademga Plena Inclusión Galicia. Nesta xornada participan persoas con discapacidade intelectual de toda a Comunidade para tratar diferentes asuntos de interese e expoñer as súas inquedanzas.
Os autoxestores son grupos de persoas con discapacidade intelectual que se organizan en grupos para atender ás necesidades do colectivo e darlle visibilidade. Neste encontro, en concreto, organizáronse relatorios sobre a participación en entidades ou orientación sobre o seu futuro laboral. Ademais, ao longo do día realízanse obradoiros sobre avellentamento, seguridade nas redes sociais ou o benestar emocional.
Neste senso, Jacobo Rey destacou o importante labor das asociacións e organizacións que están ao carón das persoas con discapacidade e son parte activa no seu día a día. Así, fixo fincapé na importancia de seguir impulsando a súa inclusión e salientou que na última década se duplicou o número de persoas con discapacidade ocupadas. Ademais, o director xeral trasladoulles o firme compromiso da Xunta de Galicia de seguir apoiando ás persoas afectadas e aos seus achegados para mellorar a súa autonomía e calidade de vida.