Galicia avoga por unha política de cohesión europea máis forte e moderna onde as rexións teñan un papel fundamental para abordar os retos de cada territorio
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
Estas imágenes pertenecen a xunta.gal
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, interveu hoxe no Parlamento Europeo nun foro sobre o futuro da política de cohesión da Unión Europea
- Demandou que no novo marco financeiro plurianual se aumente o peso que teñen actualmente os gobernos rexionais na definición e xestión das medidas financiadas cos fondos
- Comprometeu a disposición de Galicia a colaborar coas institucións europeas para consensuar as melloras necesarias
- Previamente, Miguel Corgos mantivo unha xuntanza co director xeneral adxunto en funcións e director da Comisión Europea para a execución dos fondos estruturais en España, Nicola de Michelis, quen puxo en valor o bo labor de Galicia na xestión dos fondos europeos
Bruxelas, 2 de outubro de 2024
Galicia aposta por unha Política de Cohesión europea máis forte e moderna onde as rexións teñan un papel fundamental á hora de deseñar e xestionar as accións necesarias para abordar os retos de cada territorio. Así o puxo hoxe de manifesto o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, no Parlamento Europeo, onde interveu nun debate sobre as políticas das rexións na Unión Europea: Por unha política de cohesión e crecemento reforzada e centrada nas rexións.
Durante a súa intervención, Miguel Corgos demandou deste xeito que no novo marco financeiro plurianual se aumente o peso que teñen actualmente os gobernos rexionais na definición e xestión das medidas financiadas cos fondos. "Compartimos o consenso existente en relación á reforma da política de cohesión para a simplificación dos instrumentos de financiamento, pero, ao igual que outras rexións, preocúpanos que estes cambios conduzan a unha maior centralización, indo en contra do principio de subsidiariedade recollido no Tratado da UE", explicou.
Diante desta situación, o conselleiro de Facenda e Administración pública precisou que Galicia se opón a un modelo que avance nunha centralización análoga á que se empregou para implementar en España o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia cuxo deseño, desde unha perspectiva nacional sen consenso coas comunidades, está mostrando certa ineficiencia, chegando a poñer en risco o alcance de determinados fitos e obxectivos.
"Apostar pola centralización sería avanzar na dirección oposta aos obxectivos que se perseguen coa Política de Cohesión, facéndonos perder uns anos crave para a converxencia territorial nun contexto de continuos cambios", insistiu, apostando por un modelo de xestión compartida e unha gobernanza multinivel, no que as rexións participen no deseño e xestión das políticas dirixidas a mellorar a converxencia económica, social e territorial, tendo en conta as súas diferentes necesidades.
Miguel Corgos concluíu comprometendo a disposición de Galicia a colaborar coas institucións europeas para consensuar as melloras necesarias para o futuro. "Traballamos xuntos con moito afán nas últimas décadas e debemos seguir traballando xuntos", dixo, lembrando que gran parte do desenvolvemento da Comunidade nos últimos 35 anos vai ligado aos fondos europeos recibidos. Así, desde 1986 e ata finais desta década, o Goberno galego ten xestionado máis de 32.000 millóns de euros de axudas comunitarias, o 65% correspondente a fondos estruturais da Política de Cohesión.
Nicola de Michelis pon en valor a xestión galega dos fondos europeos
Antes da súa intervención no foro da Eurocámara, no que participaron representantes dos gobernos rexionais de 16 países comunitarios, Miguel Corgos mantivo unha reunión co director xeneral adxunto en funcións e director da Comisión Europea para a execución dos fondos estruturais en España, Nicola de Michelis.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública trasladou ao mandatario europeo a importancia que os fondos da UE teñen no desenvolvemento de Galicia e o esforzo que o Goberno galego fai para optimizar a súa xestión. De Michelis animou a seguir executando os fondos como ata o de agora para demostrar a importancia da política rexional sobre o terreo no marco do actual debate sobre o orzamento europeo posterior a 2027. Segundo lle explicou Miguel Corgos, o obxectivo é que Galicia siga mellorando na súa converxencia.
O conselleiro foi o encargado de representar ás 17 comunidades autónomas españolas no foro celebrado no Parlamento Europeo. Un evento impulsado pola rede #EURegion4Cohesion, da que forman parte 134 rexións de Alemaña, Austria, Eslovaquia, Eslovenia, España, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Países Baixos, Polonia, Portugal, República Checa e Suecia. A Fundación Galicia Europa é unha das entidades detrás desta iniciativa creada co obxecto de defender unha política de cohesión post-2027 coas rexións no centro.
- Etiquetas:
- C. de Facenda e Administración Pública