A Xunta pon en valor na X Maker Faire Galicia a súa aposta polo emprendemento innovador para xerar máis emprego de calidade
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe nesta xornada que conta co apoio da Administración autonómica
- Salientaron as iniciativas innovadoras no ámbito do emprendemento que a Xunta está a poñer en marcha e polas que Galicia acaba de recibir o premio á Rexión Emprendedora Europea 2025
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe na primeira das xornadas da décima edición do Maker Faire Galicia, un cita que conta co apoio da Xunta e que se celebra hoxe ao longo de todo o día en Santiago de Compostela sobre emprendemento e innovación social.
No evento, todos os participantes compartiron as súas experiencias e paixón pola creación, tendo a oportunidade de coñecer os proxectos máis innovadores en áreas como a sustentabilidade, a inclusión social ou o cambio positivo.
Na inauguración desta iniciativa, que se estenderá durante dúas xornadas máis que terán lugar a finais de ano tamén en Santiago de Compostela (unha delas en novembro centrada en oficios tradicionais e a última en decembro sobre temas relacionados coa industria da man do Igape) interveu o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais. Pablo Fernández puxo en valor a importancia do emprendemento innovador e o apoio da Xunta a este ámbito. Incidiu, de feito, na importancia que para o Goberno galego é apoiar a xeración de emprego en Galicia, creando máis traballo de calidade e que este sexa cada vez máis innovador.
Fixo tamén referencia á importancia de unificar e coordinar todos os recursos que Galicia pon a disposición das persoas emprendedoras e, neste senso, referiuse ao Mapa de emprendemento, que acaba de poñer en marcha a Xunta, un espazo virtual (http://www.mapaemprendemento.gal) que integra por primeira vez o ecosistema galego de apoio ao emprendemento con todos axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio. Tras varias semanas desde o seu lanzamento, a web xa reúne máis de 185 rexistros de entidades que traballan na promoción das iniciativas empresariais na comunidade.
Así mesmo, mencionou outras iniciativas innovadoras de vertebración e cohesión do territorio nas que traballa o Goberno galego. Unha delas é o proxecto piloto de coliving para darlle un pulo ao emprendemento no rural atraendo nómades dixitais, en colaboración coa asociación Sende, que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo coliving de Europa.
Con medidas coma esta, a comunidade estase a consolidar como rexión emprendedora. De feito, lembrou que Galicia acaba de recibir o premio á Rexión Emprendedora Europea 2025.
Con estas iniciativas, ás que tamén se une a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, incidiu que a Xunta busca impulsar o emprendemento da man de todos os axentes implicados para crear actividade económica e emprego de calidade, vertebrando o territorio e garantindo o crecemento e progreso de Galicia.
O Goberno galego, en palabras do secretario xeral, quere ser unha Administración facilitadora, polo que na presente Lexislatura seguirá a avanzar na simplificación e unificación do catálogo de axudas existentes para o emprendemento.
A Rede de polos
Sobre a Rede de polos de emprendemento afondou no Maker Faire Galicia a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, quen participou nunha mesa redonda sobre esta iniciativa que puxo en marcha o Goberno galego fai dous anos. Precisamente, no evento expuxéronse catro dos proxectos empresariais que recibiron asesoramento nestes centros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Nesta Rede, ata o de agora, prestouse xa axuda a máis de 2.000 iniciativas. Conta con 13 polos en activo aos que se sumarán dous máis en vindeiras datas.
A Administración autonómica está a apostar ademais pola remuda, para impulsar o ecosistema comercial das localidades galegas. Así, no marco da Rede de polos, estase a desenvolver desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, un programa específico, cun cento de empresas adheridas, coa finalidade de garantir a súa supervivencia, poñendo en contacto a persoas que cesan a súa actividade coas interesadas en retomala.
Non menos importante é para a Xunta a aposta pola economía social, con gran arraigamento en Galicia, que se seguirá a promover con apoios para o inicio de actividade, a consolidación e a xeración de emprego, contribuíndo tamén á súa promoción, esencial por se tratar dun modelo igualitario e de responsabilidade social.