A Xunta destaca o valor inclusivo do Camiño de Santiago e a importancia de dar visibilidade ao deporte adaptado
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, recibiu os participantes da cuarta edición de 'Enki no Camiño', que o Goberno galego apoia para que as persoas con discapacidade poidan peregrinar a Santiago de Compostela en bicicleta con material adaptado
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2024
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, recibiu hoxe na praza do Obradoiro os participantes na cuarta edición de Enki no Camiño que, á súa vez, coincidiron no último tramo ata a Praza do Obradoiro cos integrantes de (Con)vivindo no camiño, outro programa da Fundación Enki destinada a persoas maiores de idade con diversidade funcional que, na súa primeira edición, tamén pasa polo Camiño de Santiago.
Diego Calvo destacou o valor inclusivo do Camiño de Santiago con iniciativas coma a nova edición de Enki no Camiño, que facilita material adaptado -handbikes ou tándem- para que as persoas con discapacidade poidan peregrinar a Santiago de Compostela en bicicleta. Conta co apoio do Goberno galego e que busca a plena inclusión deste colectivo así como dar visibilidade ao deporte adaptado. En concreto, a Consellería de Política Social e Xuventude financia a iniciativa ao abeiro dos 193.000 euros da última orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF.
O vicepresidente primeiro en funcións acompañou os participantes que desde mediados de semana realizaron o Camiño da Vía da Prata desde Sevilla e o seu tramo por Galicia desde A Gudiña, entre eles varios deportistas con diversidade funcional e voluntarios e persoal de apoio. No último tramo de 10 quilómetros estiveron acompañados por familiares, amigos e os participantes (Con)vivindo no camiño. Nesta última proposta, persoas con diversidade funcional realizaron esta semana pequenas etapas de entre 8 e 10 quilómetros da ruta xacobea comezando o mércores en Laza.
Ademais, segundo incidiu Diego Calvo, a Xunta traballa a prol do deporte adaptado e inclusivo. Cómpre lembrar que Galicia bate récords e, no caso dos deportistas galegos con diversidade funcional, son 37 os recoñecidos, segundo a última resolución, o que supón a cifra máis elevada da historia. Canto á participación nos Xogos Paralímpicos, en Toquío 2020 competiron 14 deportistas paralímpicos galegos e dous guías dos que o 87,5% regresaron entre os oito mellores do mundo e, polo tanto, Galicia está en condicións de superar esas cifras en París 2024.