A Xunta lembra a importancia de previr a transmisión do dengue e ofrece a vacinación gratuíta para viaxeiros de alto risco
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Desde o 14 de xullo, a rede sanitaria pública galega ofrece de xeito gratuíto esta vacina nos centros de vacinación internacional da comunidade para viaxeiros de alto risco
- Esta infección está presente de xeito endémico no continente africano, América central, América do sur, o sueste asiático e diferentes illas do Pacífico
- Na rexión Europea o dengue non é endémico e os casos notificados están relacionados principalmente con viaxes (casos importados)
- En Galicia detectouse a presenza do mosquito tigre nos concellos de Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Porriño, Vilaboa, Bueu e Mos

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2025
Con motivo da celebración do Día Mundial contra o Dengue, a Dirección Xeral de Saúde Pública lembra aos viaxeiros de alto risco da importancia de vacinarse para previr a transmisión desta infección vírica.
Transmitido por mosquitos do xénero Aedes (como o Aedes albopictus, tamén coñecido como mosquito tigre), o dengue endémico está presente en máis de 100 das rexións da Organización Mundial da Saúde. Así, a súa presenza destaca no continente africano, América central, América do sur, o sueste asiático e diferentes illas do Pacífico.
No que atinxe á rexión europea, o dengue non é endémico e os casos notificados están relacionados principalmente con viaxes (casos importados).
Este é o caso de Galicia, na que durante o ano 2024 se notificaron un total de 25 casos importados. Aínda na nosa comunidade o risco de transmisión autóctona é baixo, a presenza do mosquito tigre xa foi detectada en varios concellos, polo que é fundamental manter a vixilancia e extremar as medidas preventivas.
Medidas preventivas fronte ao dengue
As persoas que teñan previsto viaxar a países onde o dengue é endémico deben adoptar medidas de protección para evitar a picada de insectos como o uso de repelentes, mosquiteiros e empregar roupa lixeira, de manga longa e cores claros.
Tras a viaxe, debese vixiar a aparición de febre alta, dor de cabeza intensa, dor detrás dos ollos, dores musculares ou erupcións cutáneas nos 14 días posteriores ao regreso.
España dispón dunha nova vacina fronte ao dengue indicada principalmente para viaxeiros que se despracen a zonas de alto risco.
Así, e desde o pasado 14 de xullo, o Programa galego de vacinación ofrece esta vacina, de xeito gratuíto, aos viaxeiros de alto risco nos centros de vacinación internacional da nosa comunidade.
A vacina pódese administrar a partir dos 4 anos de idade e a pauta é de dúas doses separadas por 3 meses.
A vacinación fronte a dengue está indicada no caso de:
• Persoas que pasasen unha infección previa por dengue confirmada microbiolóxicamente e realicen novas viaxes a zonas endémicas de dengue.
• Persoas que realicen viaxes de longa duración (de máis de un mes) ou frecuentes a unha zona con alto risco de transmisión de dengue ou que viaxen a unha zona de brote activo, e que presenten algunha das seguintes situacións:
• Nenos entre os 4 e os 10 anos.
• Persoas con diabetes mellitus ou obesidade (IMC ≥40).
• Persoas con enfermidades cardiovasculares crónicas, enfermidades renais crónicas, hepatopatía crónica ou enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC).
• Persoas con risco de sangrado: por enfermidade, condición de base ou por tratamento con fármacos
• Mulleres en idade fértil que planifiquen un embarazo nunha zona de alto risco de infección por dengue.
• Persoas que reciban tratamento inmunosupresor sempre que poidan finalizar a pauta de vacinación completa polo menos 4 semanas antes do inicio da inmunosupresión.
A recomendación de vacinación contra o dengue dependerá de factores como o destino da viaxe, as actividades a realizar, duración, percorrido e as condicións particulares de cada viaxeiro.
Débese lembrar que a vacina está contraindicada en persoas en situación de inmunosupresión, persoas con infección sintomática por VIH, mulleres embarazadas ou en período de lactancia.
Vixilancia do vector en Galicia
Na nosa comunidade, a Consellería de Sanidade lidera a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC), conxuntamente coa Consellería de Medio Rural, e as Universidades de Vigo e de Santiago de Compostela.
Esta colaboración, posibilitou a detección de mosquito tigre nos concellos de Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Porriño, Vilaboa e, recentemente, nos de Bueu e Mos.
Xunto con esta rede de vixilancia, a Consellería de Sanidade e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) asinaron un acordo de colaboración para traballar conxuntamente a través da plataforma de ciencia cidadá 'Mosquito Alert'.
Esta plataforma tecnolóxica, que se pode descargar gratuitamente no móbil, posibilita que calquera persoa poida enviar fotos de mosquitos para a súa posterior identificación por parte de expertos entomólogos.
O emprego desta aplicación resulta de grande axuda dado que permite estudar por onde se expanden estes mosquitos e predicir a súa diseminación en zonas onde non chegou.
Xa que logo, se algunha persoa cree que localizou un mosquito tigre, en primeiro lugar, debería sacarlle unha foto e xuntala na aplicación para que sexa valorada por un experto e se poida asegurar sen xénero de dúbidas que se trata de un mosquito tigre ou Aedes albopictus.
Más información da aplicación: https://www.mosquitoalert.com/
No tocante ao vector, é importante minimizar a súa proliferación evitando o estancamento de auga en recipientes pequenos como macetas, cubos, e mantendo limpos de restos os sumidoiros e canalóns que poidan reter auga, entre outras medidas.
Máis información na páxina da Dirección Xeral de Saúde Pública.