A Xunta apoiará este curso con bolsas de ata 2.500€ que 81 universitarios galegos estuden fóra da UE
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Un total de 37 son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, 24 da da Coruña e 20 da de Vigo, con moita variedade de titulacións
- O país ao que se desprazan máis alumnos é Chile, con 24, seguido de México, EEUU, Uruguai, Brasil, Arxentina, Corea do Sur, Xapón, Canadá, Reino Unido, China, Costa Rica, Panamá e Suíza

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2025
Un total de 81 alumnos das universidades públicas galegas beneficiaranse no curso 2025/26 das bolsas da Xunta para facer mobilidades en países extracomunitarios. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución destas axudas, ás que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina 250.000€.
O 60% das persoas beneficiarias son mulleres e o 40% homes. Por universidades, 37 son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, 24 da da Coruña e 20 da de Vigo. Por ramas de coñecemento, 35 cursan titulacións de Ciencias Sociais e Xurídicas, 16 de Enxeñaría e Arquitectura, 15 de Ciencias, 12 de Ciencias da Saúde, dous de Artes e Humanidades e un dun dobre grao que abrangue titulacións de distintas ramas.
As bolsas son de 1.700€ para intercambios realizados en Europa (en países que non forman parte da UE) e de 2.500€ para o resto do mundo. O país ao que se desprazan máis estudantes é Chile (24), seguido de México (nove), EEUU (oito), Uruguai (sete), Brasil (sete), Arxentina (seis) Corea do Sur (seis), Xapón (catro), Canadá (tres) e Reino Unido (tres). Ademais, China, Costa Rica, Panamá e Suíza recibirán un alumno cada un.
O obxectivo desta liña de axudas é favorecer a participación da mocidade galega en programas de mobilidade en universidades estranxeiras que lles permitan mellorar o seu nivel de idiomas e propiciar o seu enriquecemento cultural. A natureza destas experiencias posibilita ao alumnado integrarse nunha comunidade estranxeira e desenvolver os seus coñecementos académicos, profesionais e persoais.
Programa Galemundo
As bolsas para estudar en universidades fóra da Unión Europea complétanse coas dirixidas a universitarios dentro da UE, o coñecido como programa Erasmus+ xestionado a nivel estatal polo Servicio Español para la Internacionalización de la Educación. Nese marco, a Xunta encárgase de complementar as axudas para os universitarios de Galicia, que para o curso que vén están pendentes de resolución definitiva.
Ambas iniciativas forman parte do programa Galemundo da Xunta para impulsar a internacionalización no ensino. Máis de 7.000 persoas, entre estudantes e docentes, participan en mobilidades noutros países grazas a esta iniciativa, dotada con máis de 15M€ e que aglutina as bolsas do departamento educativo da Xunta, para facilitar que alumnos e profesores viaxen a outros países e melloren en idiomas.