Medio Rural recomenda extremar as medidas preventivas en relación á dermatose nodular contaxiosa
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Esta enfermidade, que afecta principalmente aos bovinos, xa está presente en Italia e Francia desde o pasado mes de xuño
- Así mesmo, tamén se está realizando unha campaña de concienciación cos operadores que transportan gando dende os citados países, así como un plan de control respecto aos animais trasladados, co fin último de minimizar o risco de entrada en Galicia
- A doenza non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural recomenda extremar todas as medidas preventivas en relación á dermatose nodular contaxiosa (DNC), evitando na medida do posible trasladar animais bovinos dende zonas próximas aos focos desta enfermidade detectados en países europeos (entre eles, Italia e Francia) e incrementando as medidas de bioseguridade, tanto nos traslados de animais dende estes países, como nas propias explotacións.
Deste xeito, e como vén sendo habitual en casos similares, desde a Consellería informouse desta situación a todos os Servizos Veterinarios Oficias e demais axentes do sector como ADSG, colexios veterinarios e asociacións. Así mesmo, tamén se está realizando unha campaña de concienciación cos operadores que transportan gando dende os citados países, así como un plan de control respecto aos animais trasladados, co fin último de minimizar o risco de entrada en Galicia .
A DNC é unha enfermidade vírica producida por un poxvirus que afecta especificamente ao gando bovino. A transmisión do virus prodúcese principalmente en presenza de insectos que actúan de vectores mecánicos, esencialmente mosquitos, moscas e carrachas. A transmisión por contacto directo entre animal infectado e animal san por medio de costras e lesións cutáneas, saliva, leite, etc. é posible, pero é a vía menos eficaz.
Con todo, convén sinalar que esta doenza non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores.
Antecedentes da doenza
Historicamente, a infección por DNC concentrouse no sur e este de África. En 2013 a enfermidade apareceu en Turquía, chegando en xuño de 2015 á parte europea deste país, para finalmente pasar a estados da UE como Grecia e Bulgaria, así como a outros como Serbia, Montenegro, Albania ou Macedonia. Por outro lado, a enfermidade tamén se está expandindo polo Cáucaso, afectando a Rusia.
Recentemente, en xuño de 2025, a DNC foi notificada en Italia, primeiro na illa de Cerdeña e un pouco máis tarde na rexión continental de Lombardia. Aos poucos días foi detectada en Francia (rexión de Saboia e Alta Saboia). Nos dous países continúan a detectarse focos nas zonas inicialmente afectadas. Tendo en conta a proximidade xeográfica e as relacións comerciais con estes países, ademais da proximidade de África, considérase que o nivel de risco de aparición desta doenza en España é moi alto, tal como xa ten informado tamén o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
É importante lembrar que se trata dunha doenza da lista A de enfermidades de declaración obrigatoria na UE, e polo tanto sobre a que hai que tomar medidas de erradicación inmediatas no caso de detectarse, o que implica, entre outras actuacións, o sacrificio dos animais afectados e o baleiro sanitario da explotación. A enfermidade ten un importante impacto económico para as zonas afectadas, xa que é debilitante e isto tradúcese nun elevado descenso na produción, particularmente en vacas de leite.
Medidas preventivas
Deste xeito, como medidas preventivas fronte á DNC, a Xunta de Galicia considera imprescindible controlar os desprazamentos de animais bovinos procedentes de zonas próximas ás afectadas, incrementar a bioseguridade tanto nos desprazamentos de animais procedentes destas zonas como nas propias explotacións, e reforzar a vixilancia pasiva nas granxas galegas, de tal xeito que no caso de que apareza a enfermidade, se detecte o antes posible.
En primeiro lugar, recoméndase evitar na medida do posible os movementos de entrada de bovinos procedentes dos países afectados. En caso de que sexa necesario realizalos, cómpre asegurar que se efectúan coa maior bioseguridade posible, comprobando a realización da limpeza e desinfección dos vehículos en orixe e antes do traslado, e realizando tamén a limpeza e desinfección destes unha vez chegados a España.
En segundo lugar, é importante extremar as medidas de bioseguridade nas explotacións, manténdoas en óptimo estado de hixiene, evitando os acúmulos de materia orgánica e as zonas de proliferación de insectos, realizando axeitada limpeza e desinfección nelas e utilizando repelentes e desinsectantes nas épocas de maior abundancia destes.
Finalmente, e tendo en conta que a DNC é unha enfermidade de alta difusibilidade, é extremadamente importante a detección precoz de animais infectados, no caso de que aparezan. Cómpre, por tanto, intensificar a vixilancia pasiva diaria para asegurar a detección inmediata de calquera síntoma compatible coa enfermidade. Ante calquera sospeita, recoméndase comunicalo o máis rápido posible ao servizo veterinario oficial.
En todo caso, a Consellería do Medio Rural mantén permanentemente informado aos interlocutores habituais do sector bovino galego acerca da evolución desta doenza nos países afectados e, co fin de incrementar a difusión da mesma, realizará esa campaña de concienciación cos operadores.