Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13.30 h. de hoxe
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Ás 11.30 horas desta mañá quedou controlado o incendio forestal do concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova (100 ha) e ás 12.30 horas de hoxe deuse tamén por controlado o do municipio ourensán de Riós-Trasestrada (40 ha)
- Seguen activos os lumes de Chandrexa de Queixa e Vilariño (19.000 ha afectadas, cunha evolución favorable, xa que están estabilizados os focos de Chandrexa) e o de Carballeda de Valdeorras-Casaio (4.000 ha);
- Permanecen estabilizados os incendios de Larouco-Seadur (arredor de 30.000 ha); Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín, 17.000 ha); A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha); Carballeda de Avia e Beade (Vilar de Condes e As Regadas, 4.000 ha); Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha); Riós-Fumaces e a Trepa (100 ha); e Vilaboa-Santa Cristina de Cobres (70 ha)
- Están controlados os lumes de Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, con 3.500 ha); Vilardevós-Moialde (600 ha) e Montederramo-Paredes (120 ha)

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 13.30 horas de hoxe domingo.
Arestora, as últimas novidades a destacar teñen que ver con que o incendio da localidade lucense de Carballedo, parroquia da Cova, deuse por controlado esta mañá e o lume de Riós-Traestrada está tamén controlado desde as 12.30 horas de hoxe. Polo demais, continúan activos dous incendios de máis de 20 hectáreas en Galicia, ambos na provincia de Ourense. Trátase dos de Carballeda de Valdeorras-Casaio e de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, aínda que neste só se mantén activo o foco de Vilariño, unha vez estabilizados os de Requeixo e Parafita en Chandrexa.
LUGO
CONTROLADOS
Controlado Carballedo-A Cova
Ás 11.30 horas de hoxe domingo deuse por controlado o incendio forestal do concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova, que se orixinou o xoves 21 ás 18.14 horas e no que tivo que decretarse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros, unha situación operativa xa desactivada. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 técnicos, 21 axentes, 43 brigadas, 28 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 4 avións.
OURENSE
Segue decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ACTIVOS
Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio
Continúa activo, desde as 18.42 horas do luns 18, o lume do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 4.000 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 técnicos, 37 axentes, 63 brigadas, 28 motobombas, 4 pas, 12 helicópteros e 11 avións.
Estabilizados os focos de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e activo o de Vilariño de Conso-Mormentelos
Segue activo o lume de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso (Mormentelos), malia que evoluciona favorablemente tras terse estabilizado os focos de Parafita e Requeixo. Estes incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que continúa activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 165 axentes, 223 brigadas, 118 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ESTABILIZADOS
Estabilizado Larouco-Seadur
Ás 11.25 horas de onte sábado quedou estabilizado o incendio iniciado o mércores 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 53 técnicos, 232 axentes, 308 brigadas, 241 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
Este lume está xa estabilizado na súa totalidade. O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. O foco iniciado en Oímbra-A Granxa deuse por estabilizado ás 22.29 horas do venres 22, e así súmase ao que xa fora igualmente estabilizado ás 02.45 horas do martes 19, correspondente a Xinzo de Limia-Gudín. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 159 axentes, 221 brigadas, 131 motobombas, 6 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 32 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado A Mezquita-A Esculqueira
Permanece estabilizado, desde as 21.20 horas deste venres, día 22, o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciaba o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 50 axentes, 69 brigadas, 55 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Estabilizado Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas
O venres 15 ás 16.38 horas iniciábase o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só, que está estabilizado desde o xoves 21 ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 104 axentes, 183 brigadas, 102 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.
Estabilizado Vilardevós-Vilar de Cervos
Desde as 23.44 horas do martes 19 está estabilizado o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado mércores 13 ás 18.09. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 22 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.
Estabilizado Riós-Fumaces e a Trepa
Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o incendio iniciado ás 17.41 horas do xoves 14 no concello de Riós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
CONTROLADOS
Controlado Riós-Trasestrada
Está controlado desde as 12.30 horas de hoxe domingo o lume que comezou o luns 18 ás 14.33 horas no concello ourensán de Riós, parroquia de Trasestrada e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 40 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 3 axentes, 2 brigadas, 1 motobomba, 2 helicópteros e 3 avións.
Controlado Montederramo-Paredes
Está controlado desde as 22.05 horas do venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Controlado Vilardevós-Moialde
Ás 21.20 horas do venres 22 quedou controlado o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns 11. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 600 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 28 axentes, 44 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas do venres día 22. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 97 axentes, 157 brigadas, 87 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
PONTEVEDRA
ESTABILIZADOS
Estabilizado Vilaboa-Santa Cristina de Cobres
Desde as 18.34 horas de onte sábado está estabilizado o incendio forestal da localidade pontevedresa de Vilaboa, parroquia de Santa Cristina de Cobres, que se iniciou o xoves 21 ás 16.37 horas e no que se activou a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de Vilar, unha situación xa desactivada. Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta unha superficie de arredor de 70 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 5 técnicos, 23 axentes, 39 brigadas, 34 motobombas, 2 palas, 3 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 8 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Cómpre salientar que nos incendios estase a contar coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.