Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 10.00 h. de hoxe
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Vén de desactivarse a situación 2 no incendio da localidade pontevedresa de Vilaboa-Santa Cristina de Cobres (60 ha), que continúa activo
- Permanece declarada a situación 2 a nivel provincial en Ourense, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia
- En Ourense están activos os incendios de Chandrexa de Queixa e Vilariño (19.000 ha afectadas e evoluciona favorablemente, coa estabilización dos focos de Chandrexa), Larouco-Seadur (arredor de 30.000 ha) e Carballeda de Valdeorras-Casaio (3.000 ha) e tamén está activo o do concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova (50 ha)
- Están estabilizados os da Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha), Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín 17.000 ha), Carballeda de Avia e Beade (Vilar de Condes e As Regadas 4.000 ha), Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha), Vilardevós-Fumaces e a Trepa (100 ha), Riós-Trasestrada (20 ha), e Oia-Mougás (60 ha e desactivada Situación 2)
- Están controlados os lumes de Montederramo-Paredes (120 ha) Vilardevós-Moialde (600 ha), Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, con 3.500 ha) e o incendio de Agolada-O Sexo (400 ha)
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 10.00 horas de hoxe sábado.
Como principais novidades a esta hora cómpre salientar que se deron por estabilizados os lumes de Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín e de A Mezquita-A Esculqueira. Tamén quedaron controlados os de Vilardevós-Moialde e de Montederramo-Paredes. Así mesmo, continúa activo o lume de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, malia que evoluciona favorablemente e xa se deron por estabilizados os focos de Requeixo e Parafita (ambos os dous no concello de Chandrexa de Queixa). A maiores, vénse de desactivar a Situación 2 no lume na localidade pontevedresa de Vilaboa-Santa Cristina de Cobres. Xa que logo, están activos 5 incendios de máis de 20 hectáreas en Galicia.
LUGO
ACTIVOS
Carballedo-A Cova. Desactivada Situación 2
Está activo un incendio forestal no concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova, que se orixinou o xoves ás 18.14 horas e no que tivo que decretarse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros, unha situación operativa que xa foi desactivada. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie estimada de arredor de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 técnicos, 14 axentes, 32 brigadas, 25 motobombas, 3 pas, 4 helicópteros e 4 avións.
OURENSE
Permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ACTIVOS
Estabilizados os focos de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e activo o de Vilariño de Conso-Mormentelos
Os incendios no concello de Chandrexa de Queixa comezaron o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que continúa activo. En todo caso, o lume evoluciona favorablemente tras terse estabilizado os focos de Parafita e Requeixo, en Chandrexa de Queixa. Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 158 axentes, 203 brigadas, 113 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 32 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 do mércores 13 está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 51 técnicos, 222 axentes, 311 brigadas, 216 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio (anteriormente A Veiga-A Ponte)
Desde as 18.42 horas do luns está activo un lume no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio (anteriormente denominado A Veiga-A Ponte), que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 3.000 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 30 axentes, 47 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 6 técnicos, 10 avións e 11 helicópteros.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. O foco iniciado en Oímbra-A Granxa deuse por estabilizado ás 22.29 horas de onte venres, e así súmase ao que xa fora igualmente estabilizado ás 02.45 horas do martes 19, correspondente a Xinzo de Limia-Gudín. Polo tanto, a totalidade do lume está xa estabilizado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 148 axentes, 206 brigadas, 122 motobombas, 4 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 33 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 21.20 horas de onte venres está estabilizado o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciaba o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 49 axentes, 68 brigadas, 52 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Estabilizado Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas
O venres 15 ás 16.38 horas iniciouse o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só lume, que está estabilizado desde o xoves 21 ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 93 axentes, 171 brigadas, 88 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.
Estabilizado Vilardevós-Vilar de Cervos
Ás 23.44 horas do martes 19 quedou estabilizado o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado mércores 13 ás 18.09. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 22 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.
Estabilizado Vilardevós-Fumaces e a Trepa
Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o incendio iniciado ás 17.41 horas do xoves 14 no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Estabilizado Riós-Trasestrada
Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o lume que comezou o luns ás 14.33 horas do luns 18 no concello ourensán de Riós, parroquia de Trasestrada, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 2 axentes, 2 brigadas, 1 motobomba, 2 helicópteros e 3 avións.
CONTROLADOS
Controlado Montederramo-Paredes
Está controlado desde as 22.05 horas de onte venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Controlado Vilardevós-Moialde
Ás 20.22 horas de onte venres estabilizouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns 11. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 600 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 28 axentes, 39 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas de onte venres. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 94 axentes, 152 brigadas, 84 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
PONTEVEDRA
ACTIVOS
Activo Vilaboa-Santa Cristina de Cobres. Desactivada Situación 2
Está activo desde as 16.37 horas do xoves 21 o incendio forestal da localidade pontevedresa de Vilaboa, parroquia de Santa Cristina de Cobres, e no que se activou a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de Vilar, unha situación que xa foi desactivada. Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 3 técnicos, 19 axentes, 35 brigadas, 30 motobombas, 2 palas, 3 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 8 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ESTABILIZADOS
Estabilizado Oia-Mougás. Desactivada Situación 2
Dende as 18.55 horas de onte venres está estabilizado o incendio forestal do concello pontevedrés de Oia, parroquia de Mougás, que se iniciou ás 18.41 horas do xoves e no que se desactivou a Situación 2 decretada como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Mougás. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie estimada de arredor das 60 hectáreas. Mobilizáronse de xeito acumulado para a súa extinción 3 técnicos, 10 axentes, 22 brigadas, 19 motobombas, 1 pala, 2 helicópteros e 2 avións.
CONTROLADOS
Controlado Agolada-O Sexo
Ás 16.35 horas do mércores 20 deuse por controlado o incendio forestal do concello de Agolada, parroquia do Sexo, que se iniciou o venres 15 e o cal, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de 400 hectáreas. Neste lume foi preciso activar a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Sexo. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 5 técnicos, 32 axentes, 51 brigadas, 54 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 2 avións.
Cómpre salientar que nos incendios estase a contar coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais.
CONFINAMENTOS, EVACUACIÓNS OU DESALOXOS
Ningunha persoa foi confinada nin desaloxada nas últimas horas na provincia de Ourense, onde se manteñen activos os protocolos de protección á cidadanía.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.