A Xunta emite recomendacións sanitarias para protexer á poboación fronte ao fume e as cinzas dos incendios forestais
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Limitar as estadías no exterior, evitar realizar actividade física ao aire libre ou empregar máscaras son algunhas das recomendacións para minimizar os riscos asociados á inhalación do fume ou á cinza

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2025
A Xunta de Galicia, ante a situación de incendios forestais que afecta diversas zonas do territorio, quere trasladar á poboación unha serie de recomendacións sanitarias para minimizar os riscos asociados á inhalación do fume ou á cinza.
O fume xerado nos incendios contén unha mestura de gases e partículas microscópicas (PM2,5 e PM10) que poden causar irritacións nos ollos, nariz, gorxa e pulmóns, ademais de provocar dor de cabeza, dor torácica ou dificultade respiratoria.
Aínda que as recomendacións son válidas para toda a poboación, cómpre prestar especial atención aos grupos máis vulnerables como son os nenos e as nenas, as mulleres embarazadas e as persoas con enfermidades pulmonares, como asma ou EPOC, e enfermidades cardíacas.
As principais recomendacións para a poboación exposta, con independencia doutras existentes sobre a súa seguridade, son as seguintes:
- Limitar ao máximo as estadías no exterior e evitar realizar actividade física ao aire libre.
- De necesitar saír ao exterior, empregar máscaras filtrantes mínimo FFP2, xa que aínda que non evitan o paso dos gases e das partículas de menor tamaño, si reteñen as partículas máis grandes. Se é posible, empregar gafas para protexer tamén os ollos de irritacións oculares.
- Recoméndase permanecer dentro da casa, manter o aire interior tan limpo como sexa posible e pechar portas e fiestras.
- En caso de dispoñer de aire acondicionado, recoméndase utilizalo, preferentemente con filtros de alta eficiencia que permitan captar as partículas finas do fume. Se o sistema conta cunha entrada de aire fresco, débese colocar en modo de recirculación ou pechar o regulador de toma de aire exterior. Unha boa medida para manter limpo o aire da casa é a utilización dun purificador de aire portátil.
- Non utilizar elementos que poidan incrementar a contaminación do aire en interiores, como candeas, e evitar fumar.
- Ao proceder á limpeza das cinzas é importante extremar as precaucións. Recoméndase o uso de máscara, luvas, roupa de manga longa, pantalóns longos, zapatos e calcetíns para protexer a pel, así como o uso de gafas para protexer os ollos.
- En caso de contacto das cinzas, lavar as zonas expostas da pel, ollos ou na boca o antes posible.
- Manterse ao tanto das mensaxes de emerxencias sobre as medidas adicionais de seguridade.
A calidade do aire en Galicia pode consultarse a través da web de MeteoGalicia, onde se informa do índice de calidade do aire (ICA). Calidade do aire en Galicia - MeteoGalicia
Por outra banda, ante posibles interrupcións no subministro eléctrico, recoméndase seguir en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias respecto á auga de consumo e á seguridade alimentaria.
Máis información na páxina web da Consellería de Sanidade.