Xunta e concello de Chandrexa de Queixa colaboran na humanización dun espazo para a veciñanza en Celeiros e a construción dun edificio para uso recreativo, no que se investirán máis de 235.000 €
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A humanización prevista permitirá habilitar un novo espazo para a veciñanza onde celebrar feiras, actividades de lecer e deporte, reunións e esparexemento para os usuarios da residencia de maiores
- As intervencións forman parte do Plan Hurbe, programa do Goberno galego para apoiar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas
- A Xunta, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, asume o 70 % do orzamento, máis de 165.000 euros, contratará e executará as obras, mentres que o Concello aportará o 30 % restante, máis de 70.000 €

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2025
A Xunta colabora co Concello de Chandrexa de Queixa nas obras de humanización para uso peonil dunha parcela municipal en Celeiros, na que se habilitará tamén unha edificación para uso recreativo, que suporán un investimento total de 235.947 €. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde do municipio ourensán, Francisco Rodríguez, o convenio para o desenvolvemento desta actuación, que se enmarca no Plan Hurbe do Goberno galego.
En concreto, a intervención céntrase na humanización para o seu uso como área peonil da parcela situada na estrada Trives-Chandrexa núm. 8, en Celeiros. Así mesmo, o proxecto contempla a construción dunha edificación de uso recreativo neste espazo.
Esta humanización permitirá habilitar un novo espazo para a veciñanza onde celebrar feiras, actividades de lecer e deporte, reunións e esparexemento para os usuarios da residencia de maiores. Nesta área, o espazo central, aberto, servirá para actividades protocolarias e de zona de paso entre os distintos espazos. Outro dos espazos dotarase de céspede, para actividades de deporte e lecer, integrando a praza coa contorna. E noutra zona habilitarase un espazo de estancia.
Os traballos completaranse coa plantación de novas árbores, cadeiras e un banco para crear unha zona de faladoiro, unha mesa para actividades variadas como xogos, actividades manuais, así como a dotación dun aparcabicis.
En canto á edificación de uso recreativo, construirase a dúas augas con madeira, integrándose volumetricamente ás edificacións existentes. Permitirá actividades ao resgardo das inclemencias meteorolóxicas.
As intervencións tamén inclúen a instalación dun sistema de iluminación LED para ampliar o seu uso nocturno, acometendo tamén as instalacións de pluviais e saneamento necesarias para a urbanización. Unha varanda dará continuidade entre os distintos espazos enmarcando as vistas cara ao encoro.
O prazo de execución das obras é de 5 meses.
Convenio
De acordo ao convenio asinado hoxe, o Goberno galego cofinanciará nun 70 % estas intervencións, achegando un investimento de 165.163 €, contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Chandrexa de Queixa achegará o 30 % restante do custe das actuacións, 70.784 €; realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.
A través do Plan Hurbe, a Xunta segue a impulsar a colaboración coas entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.