Rueda reclama ao Goberno central o inmediato rescate da AP-9 e advirte do custo de adiar esta medida
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O presidente autonómico apunta que o informe sobre a situación da autoestrada avaliado no Consello da Xunta actualiza a estimación do custo actual deste rescate en 2.356M€, "cantidade moito menor da que habería que pagar de aquí ao final da concesión"
- Reclama ao Goberno central que asuma xa o rescate, xa que é "a alternativa máis vantaxosa para o interese público", lembrando ademais que "canto máis tempo pase máis caro vai ser para todos os españois"
- O Goberno galego realizou unha estimación do transvasamento de tráfico de varias estradas convencionais á AP-9 co rescate, e que no caso da A-55 entre O Porriño e Tui eliminaría máis da metade dos 39.486 vehículos diarios que transitan de media por este viario
- Destaca que o rescate da concesión e liberación da peaxe implicará beneficios ambientais de seguridade viaria, de calidade de vida, de aforro de tempo e de competitividade, que poden ser cuantificados economicamente polo Ministerio para a toma da decisión
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2025
O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que o Informe sobre a situación da AP-9 elaborado desde a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avaliado hoxe no Consello da Xunta conclúe que o rescate da concesión da autoestrada é "a alternativa máis vantaxosa para o interese público", e cuantifica a estimación actual desta medida en 2.356M€, "cantidade moito menor da que habería que pagar de aquí ao final da concesión", segundo apuntou Rueda.
A Administración autonómica exixe ao Goberno central que, diante do recente ditame da Comisión Europea sobre a AP-9, asuma este rescate e a liberalización das peaxes de xeito inmediato. Segundo sinalou o presidente do Goberno galego, "canto máis tempo pase máis caro vai ser para todos os españois". Neste senso, o informe advirte que na citada estimación xa se incrementa en 65M€ o lucro cesante para a concesionaria respecto ás cifras calculadas o pasado 2024, debido ao incremento dos beneficios da concesión en 2024.
O documento fai unha diagnose da situación da concesión, incidindo, por unha banda, na suba desmesurada das tarifas para os usuarios nos últimos anos e o enriquecemento progresivo da concesionaria. Na actualidade, cada 100 km da AP-9 teñen un custo de máis de 12€ e todo o traxecto da autoestrada (219km) ten un prezo de 26,85€. Así mesmo, os ingresos por peaxes incrementáronse nun 39,7% entre 2021 e 2024, o que significou un aumento da conta de resultados para a concesionaria dun 78,1% nese período.
Advirte que a xestión da autoestrada por parte do Estado nos últimos anos foi claramente prexudicial para o interese xeral, e especialmente para Galicia, lembrando, ademais, que o debate sobre a reclamación unánime do Parlamento galego para reclamar a transferencia segue bloqueada no Congreso con 38 prórrogas. E sinala a situación de discriminación da comunidade fronte a outras de España onde si se liberaron peaxes, como é o caso da valenciana, onde o Ministerio adoptou a decisión de facelo na AP-7 en Alacante.
O informe lembra que xa no 2021, coa aprobación do real decreto que introduciu as bonificacións para os usuarios, logo ampliadas no 2024, tanto o Consello de Obras Públicas como o Consello de Estado sinalaban que ante o enorme compromiso de gasto previsto se debía analizar a conveniencia do rescate da concesión, cuestión que non foi atendida.
Actualización do custo do rescate
A Xunta adiantouse o pasado ano co estudo no que avaliou o custo da indemnización por rescate, aplicando unha taxa de desconto do 30%, en 2.331M€, e vén de actualizar esta estimación elevándoa aos 2.356M€. A principal causa deste incremento é o lucro cesante, que subiu en 65M€ a pesar de reducirse nun ano o prazo da concesión. Esta condición calcúlase como unha proxección a futuro do resultado de explotación (beneficio) da concesión, a partir da media dos últimos 5 anos, de xeito que se ve incrementada co forte incremento das tarifas e o investimento en bonificacións.
Transvasamento de tráficos
O informe tamén incide en que o rescate da concesión e liberación da peaxe implicará o transvasamento do tráfico dende as estradas convencionais cara á AP-9, o cal implica beneficios ambientais (ruído, emisións), de seguridade viaria, de calidade de vida, de aforro de tempo e de competitividade, que poden ser cuantificados economicamente polo Ministerio, para un mellor criterio na toma decisión sobre o rescate.
Así, tal e como apuntou Rueda, o tráfico "baixaría no centro das vilas, nas travesías e en moitas vías paralelas". O documento avalía catro treitos para analizar o transvasamento de tráfico de estradas convencionais á AP-9. No caso da comparativa entre a AP-9 e a A-55 Puxeiros-enlace do Porriño, o rescate pode supoñer o descenso dun 32% no tráfico na A-55. No que atinxe a AP-9 e A-55 entre o enlace Porriño-Tui, ese transvasamento eliminaría máis da metade dos 39.486 vehículos diarios que transitan de media diaria por este viario, cun incremento de tráfico na autoestrada do 577%. Ademais, na zona de Curro-Pontevedra, eliminaríase a metade do tráfico na N-550 e o 33% na PO-531 co transvasamento á AP-9 e no treito entre Ordes e Sigüeiro, descendería nun 76% o tráfico na N-550.
A este aforro económico hai que engadir a posibilidade para o Estado de evitar ou abaratar a execución de Infraestruturas planificadas que teñen un elevado custo e importantes afeccións sociais, como é o caso, por exemplo, do treito A Ermida-Pilarteiros da A-57 na circunvalación de Pontevedra.
A Xunta incide en que o Ministerio debe aplicar para Galicia o mesmo criterio que tivo coa AP-7 en Alacante, cuxa liberalización de peaxes comezou sendo unha medida temporal e logo consolidada por razóns de interese xeral. Entre as razóns esgrimidas polo Ministerio, estivo o beneficio social cuantificado en 16,8M€.