López Campos enxalza o valor dos campamentos de verán da Xunta para "activar e potenciar a creatividade da rapazada no seu tempo de lecer"
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O representante do Goberno galego destaca que este ano incorporáronse seis novas experiencias a esta oferta, ampliándose a 7.877 o número de prazas
- Salienta "o amplo abano" de actividades que abranguen propostas lúdicas, culturais, deportivas e formativas, "que sitúan a Galicia como referente en España"
- Lembra que a campaña da Administración autonómica para a xuventude nestes meses de estío ofrece un global de 11.3630 prazas, "o maior da súa historia"

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe o valor dos campamentos de verán da Xunta para "activar e potenciar a creatividade da rapazada tirando proveito do seu tempo de lecer". Fíxoo durante a súa visita ao da modalidade artística, que se está a celebrar no albergue do Monte do Gozo, onde participan nenos e nenas de entre 14 e 17 anos, e no que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.
López Campos destacou que esta actividade forma parte das novidades deste ano da programación de campamentos que integran a campaña Modo verán activo do Goberno galego, da que salientou o "récord histórico de prazas cun total de 11.630, 7.876 delas para campamentos dirixidos a nenos e nenas de 9 a 17 anos, que supoñen tamén a maior da súa historia".
Sobre as propostas dos campamentos, salientou a incorporación de seis novas experiencias "para brindarlles as mellores oportunidades e de enriquecemento persoal á nosa xuventude". Ao respecto, fixo fincapé en que, deste xeito, "ofrécese un amplo abano de actividades lúdicas, culturais, deportivas e de formación, que sitúan a Galicia como referente en España".
Neste senso, o conselleiro explicou que a actividade Creativo artístico do albergue Monte do Gozo está a permitirlle a 30 rapaces e rapazas gozar, ata o 8 de agosto, de obradoiros de ficción sonora, fotografía, ilustración manga, cerámica, creación con materiais reciclados, tamén musicais e de moda, que serán complementados con actividades deportivas, medioambientais e de cociña, á vez que gozarán de excursións a contornas naturais como Fisterra, Porto do Son e Corrubedo.
"Estamos a demostrar que non só ofrecemos propostas de lecer ou un recurso de conciliación familiar, totalmente necesarios, senón unha oportunidade de aprendizaxe e formación, tamén imprescindibles para o crecemento persoal da nosa xuventude", aseverou sobre a diversidade da oferta de campamentos desta campaña.
Ademais do Creativo artístico en Santiago, as novas propostas da edición deste ano inclúen o Eco Camp Labrego, na Granxa Escola Bergando, en Negreira, con dúas quendas de 25 persoas cada unha; O bosque animado, na Granxa Escola Garatuxa, en Mesía, con 20 prazas; Arte, danza urbana, tecnoloxía e natureza, na Residencia de tempo libre do Carballiño, con dúas roldas para 45 participantes cada unha; Contos e lendas, no Colexio Guillelme Brown, no Pereiro de Aguiar, para 30 mozos e mozas, e Os segredos do universo, no Albergue xuvenil Montañas de Trevinca, na Veiga, que conta con 30 prazas. Ademais, o campamento O sabor do verán, que repite este ano pero nunha nova localización, a Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, en Ourense.
Minicampamentos 'Coñece Galicia'
O máximo responsable de Xuventude do Executivo autonómico lembrou que tamén se están a celebrar os minicampamentos Coñece Galicia. Trátase dunha proposta lúdico formativa que conta con 779 prazas para nenos e nenas de 9 a 12 anos, e que se desenvolve nos espazos naturais da Comunidade cunha duración de 5 días, de luns a venres. En concreto, apuntou que están activos 16 programas de estadías diferentes, con aloxamentos en establecementos turísticos, "co obxectivo de favorecer as necesidades de conciliación á vez que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia".
Precisamente, o conselleiro fixo fincapé en que a campaña Modo verán activo é froito do traballo coordinado con outros departamentos da Xunta de Galicia, o que valorou que permite a participación gratuíta dos fillos de vítimas de violencia de xénero nas actividades, a participación de mocidade con discapacidade e de menores en situación de garda ou tutela.