A Xunta coopera co concello de Rubiá no acondicionamento da rúa Terra do Souto e da súa contorna, que suporá un investimento de 280.500 €
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Estes proxectos desenvólvense ao abeiro do Plan Hurbe, un programa de apoio aos concellos para promover actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza
- O ámbito de intervención localízase na rúa Terra do Souto, na parroquia de Santa Mariña de Rubiá, na contorna de varios edificios públicos
- O Goberno galego financiará estes traballos coa achega do 70% do orzamento, case 197.000 €; e o Concello de Rubiá aportará o investimento restante, que rolda os 84.000 €
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2025
A Xunta colaborará co Concello de Rubiá para o acondicionamento da rúa Terra do Souto e de espazos públicos nesta contorna, que suporá un investimento global de 280.509€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe en San Caetano co alcalde do concello ourensán, Elías Rodríguez, o convenio para executar as obras.
O ámbito de intervención localízase na rúa Terra do Souto, na parroquia de Santa Mariña de Rubiá, na contorna de edificios públicos como o colexio público Virxe do Camiño, o pavillón polideportivo, un parque infantil, as edificacións municipais destinadas a almacén e as dúas antigas vivendas dos mestres agora rehabilitadas como vivendas municipais.
O obxectivo desta intervención é actuar en zonas que se utilizan como punto de encontro e esparexemento do núcleo e que pola súa singularidade necesitan un adecuado acondicionamento para a súa posta en valor ao tempo que se evita un proceso de degradación urbanística e arquitectónica.
Este proxecto no lugar de Rubiá pretende contribuír á seguridade dos veciños, mediante o saneamento da infraestrutura urbana e a execución de beirarrúas na zona vella da localidade. Ditas actuacións compleméntanse coa instalación de barreiras protectoras.
Tamén, para potenciar un espazo de encontro dos veciños levarase a cabo un programa de humanización de rúas polo que se instalará unha nova rede de iluminación soterrada, e acondicionarase o perímetro do parque infantil e demais zonas verdes, colocando céspede e árbores.
O Goberno galego financiará estes traballos coa achega do 70% do orzamento, é dicir, case 197.000 €, e o Concello de Rubiá aportará o investimento restante, que rolda os 84.000 €.
Estes proxectos desenvólvense ao abeiro do Plan Hurbe, un programa da Xunta que impulsa actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos para contribuír á revitalización do territorio.
Este programa impulsado polo Goberno galego tamén posibilita reforzar o atractivo das aldeas, vilas e municipios, o que redunda na mellora da calidade de vida da veciñanza, no reforzo da competitividade económica e na fixación de poboación, especialmente no rural.