A Xunta devolve ao medio natural un exemplar de mazarico real tras completar con éxito a súa cría no Centro de recuperación de fauna do Veral
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Ángeles Vázquez salienta que Galicia traballa co fin de promover o asentamento e reprodución desta especie migratoria, en perigo de extinción e da que cinco exemplares adoitan visitar o territorio galego entre os meses de febreiro e xullo
- Con tal fin, subliña que no aeródromo das Rozas hai un espazo de 310 hectáreas protexido e acondicionado para asegurar a nidificación desta especie en Galicia e lembra que Castro de Rei é o único refuxio de cría da especie na Península Ibérica
- Desde o ano 2020 xa se liberaron seis exemplares, incluíndo o de hoxe, e realízase un seguimento dos seus movementos en colaboración da Universidade de Santiago
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Castro de Rei (Lugo), 21 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia procedeu hoxe a liberar en Castro de Rei un exemplar subadulto de mazarico real —ave migratoria en perigo crítico de extinción en toda España— despois de completar con éxito a súa cría nas instalacións do Centro de recuperación de fauna silvestre (CRFS) do Veral (Lugo).
Tras participar no acto de solta, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou que o seu departamento, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, traballa desde hai anos para promover o asentamento e a reprodución desta especie na Comunidade, que entre os meses de febreiro e xullo adoita recibir a visita dalgúns exemplares de mazarico real.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e mais a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, a responsable autonómica explicou que, con tal fin, a Xunta habilitou un espazo de 310 hectáreas localizado no lugar de Rozas para crear un hábitat adecuado e único na Península Ibérica para favorecer a nidificación e cría destas aves en Galicia. Neste sentido, lembrou que Castro de Rei é o único refuxio de toda a Península Ibérica que alberga poboación nidificante desta especie, rexistrándose en concreto tres exemplares neste 2025: 1 parella e un individuo viúvo.
Precisamente e unha vez que os exemplares de mazarico real se asentan no espazo habilitado para eles, Ángeles Vázquez explicou que a Xunta e os técnicos da USC colaboran no seu seguimento para localizar os niños, que se protexen con pastor eléctrico para evitar posibles ataques da fauna silvestre.
A continuación os técnicos realizan un seguimento da posta e, en canto se produce a eclosión, recollen os polos e trasládanse ata o CRFS da Xunta do Veral, onde completan un período de crianza para poder proceder á súa posterior devolución ao medio natural previa aclimatación nun aviario. Trátase dun proceso complexo que busca favorecer a reprodución da especie e incrementar a súa poboación actual.
Neste sentido, a conselleira explicou que este ano se localizaron catro ovos de mazarico real en Castro de Rei, dos cales dous chegaron a eclosionar e foron trasladados ás instalacións do Veral. O día 14 de xullo foron trasladados ata o aviario instalado nas proximidades do seu lugar de nacemento, nas inmediacións do Aeródromo de Rozas, pero só un dos exemplares logrou prosperar.
A previsión é que o exemplar liberado permaneza unha tempada nesta mesma zona como paso previo ao inicio da súa migración cara ao sur da Península Ibérica, ou incluso, cara ás costas do norte de África. O seguimento e monitorización do individuo estará garantido grazas a un emisor de coordenadas GPS que permitirá no futuro obter información de interese sobre as súas pautas migratorias.
Unha parella reprodutora
Cómpre lembrar que a Xunta comezou a traballar na incubación e cría de polos de mazarico real a través dun protocolo de conservación ex situ (fóra do medio) asinado en 2020 coa USC. Os primeiros exemplares foron liberados en 2022 (3) e o ano pasado devolvéronse outros 2, polo que coa solta de hoxe son xa 6 os individuos reintroducidos.
O estado de conservación da especie nidificante na Península Ibérica é crítico, xa que actualmente só hai constancia dunha única parella con actividade reprodutora. A xuízo dos investigadores da USC, en todo caso, a crianza levada a cabo neste ano 2025 nas instalacións do Veral amosa mellores resultados que as desenvolvidas anteriormente.
O obxectivo é garantir a continuidade da especie durante moitos anos e para elo, a Xunta está a facer un esforzo importante para preservar a súa única poboación nidificante en toda a península, esforzo que se plasmou tamén este ano nos traballos de roza, mellora e acondicionamento e na implementación de medidas para evitar o impacto de depredadores terrestres na área de cría e aclimatación habilitada nas Rozas.