Belén do Campo destaca o apoio da Xunta para mellorar a competitividade dos parques empresariais
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A delegada da Xunta informou aos representantes dos empresarios do polígono de Sigüeiro da nova orde de axudas, solicitada por esta entidade, para promover a seguridade industrial
- A representante do Goberno autonómico lembrou que este polígono recibirá 120.000 euros da orde para modernizar as súas infraestruturas que lles permitirá a renovar a pavimentación da vía de acceso e interior que executará o Concello

Oroso (A Coruña), 21 de xullo de 2025
A delegada da Xunta Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Oroso, Alex Doval e polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, reuniuse hoxe con representantes da asociación de empresarios do polígono de Sigüeiro en Oroso para poñer en valor a nova orde de axudas, convocada pola Consellería de Economía e Industria, de máis de 1M€ para promover a seguridade e a competitividade nos polígonos empresariais, que solicitou esta entidade. Este parque conta con case 60 empresas e cunha superficie de 285.743 metros cadrados.
As achegas, para as que rematou hoxe o prazo de solicitude, van dirixidas ás agrupacións de empresarios, entidades de conservación e comunidades de propietarios destas superficies. Os investimentos poden centrarse na mellora da seguridade e a competitividade dos polígonos, incluída a obtención de selos ou certificacións de calidade que acrediten que a área cumpre con determinadas características diferenciais e superiores á media en distintos ámbitos.
Os proxectos deberán desenvolverse ao longo dos anos 2025 e 2026 e o financiamento da Xunta cubrirá o 80% do importe das accións subvencionables, ata un máximo de 120.000 euros e se poden conceder anticipos de ata o 25%.
Este programa busca "mellorar a xestión, a funcionalidade e a imaxe dos parques empresariais", contribuíndo a que as firmas que están asentadas neles "dispoñan dunhas condicións máis seguras, sustentables e competitivas".
Tipos de actuacións
As actuacións en materia de seguridade poden consistir na implantación de sistemas contra incendios ou inundacións; dispositivos que permitan reducir os riscos de accidentes - excepto os relacionados directamente coa circulación viaria ; así como equipamentos de vixilancia ou de control de accesos; elaboración de plans de emerxencia ou desenvolvemento de actividades de formación e información de seguridade das áreas empresariais, entre outros.
En canto á mellora da competitividade, incluirán sistemas de uso común que melloren o desenvolvemento da actividade empresarial. No que respecta ás certificacións de calidade, deben ter recoñecemento a nivel nacional ou internacional e poden centrarse en distintos ámbitos (accesibilidade, avaliación das infraestruturas, xestión enerxética, servizos comúns ofrecidos, sustentabilidade ou conectividade, entre outros).
Apoios polígonos industriais
Durante o encontro a delegada da Xunta tamén lembrou outras axudas que a Xunta abriu, este ano, para mellorar a competitividade dos polígonos industriais, ademáis desta nova orde.
Concretamente, referíuse á convocatoria do 2025 para modernizar as súas Infraestruturas cun orzamento de 3,5 M€, xa resolta, e da que resultou beneficiario este polígono cun investimento de 120.000 euros para a mellora da pavimentación da vía de acceso e interior deste parque empresarial de Sigüeiro, concretamente das rúas Cerceda e Otero Pedrayo, que se executará a través dunha axuda que solicitou o Concello.
Cunha intensidade do 80% e un límite de 120.000 euros para solicitudes individuais e 138.000 para solicitudes de máis dun concello, impulsánse actuacións de plantas de depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, de sistemas contra o roubo de cable e instalacións comúns destinadas á loita contraincendios.
Con esta liña, da que se poden conceder anticipos de ata o 25%, preténdese favorecer unha actualización permanente dos parques industriais da Comunidade para dar resposta ás necesidade de infraestruturas, comunicacións ou de adecuación ás novas exixencias.
Belén do Campo lembrou que este Concello tamén recibiu unha partida desta orde no 2024, contou con outros 120.000 euros que lle permitiron a mellora da rede viaria na avenida Álvaro Cunqueiro e na rúa Mesía, a substitución de canle na rúa Curros Enríquez e a execución de beirarrúas na avenida Alvaro Cunqueiro.
Belén Do Campo destacou que estas actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por reforzar a actividade industrial e mellorar a competitividade dos parques empresariais grazas á mellora das súas infraestruturas e ao impulso da creación de novas empresas que permiten xerar emprego.