O bono turístico da Xunta inxecta 2,5 M€ no sector turístico en menos de 3 días
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- As persoas que o descargaron realizaron un gasto de 1,5M€ e a Xunta financiou este programa achegando outro 1M€
- Os bonos poderanse desfrutar do 15 de setembro ata o 25 de decembro nos 271 establecementos adheridos ata o momento, o que contribúe á desestacionalización da oferta turística
- O período de descarga iniciouse o pasado venres ás 9,00 horas da mañá e o domingo contra ás 21,00 hora esgotáronse a totalidade dos 16.666 bonos
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2025
Transcorridos apenas 3 días, concretamente, 60 horas, desde que se habilitase a descarga do bono turístico na web www.bonoturismo.gal, o público en xeral xa se fixo cos 16.666 bonos turísticos que a Xunta de Galicia puxo en circulación para promover a desestacionalización do destino e favorecer que o turismo xere recursos e riqueza ao longo de todo o ano. Turismo de Galicia inviste nesta actuación 1M€ pero logra mobilizar un total de 2,5M€ que irán directamente ao sector.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, animaba este venres á súa descarga nunha visita a unha das empresas adheridas ao bono, Infinita Viaxes situada en Santiago de Compostela. Desde esa mesma mañá, ás 9,00 horas, os bonos estaban a disposición do público na web e transcorridas só tres horas desde a súa apertura, xa se contabilizaran 7.000 descargados. O ritmo continuou o sábado e xa a primeira hora constaban 14.166 descargas. A última hora desa xornada, o número incrementouse ata os 15.436 bonos.
O ritmo continuou o domingo ata as 21,00 horas cando se constatou a totalidade de descargas, isto é, 16.666 bonos por un importe total de 1M€. Cada bono ten un importe de 150€, dos que o 40% son financiados pola Xunta (60€) e o restante 60% polo usuario (90€). En total, mobilizaranse 2,5M€. Os bonos poderanse desfrutar desde o 15 de setembro ata o 25 de decembro, sendo esta unha iniciativa que contribúe a que haxa un maior fluxo de visitantes fóra da tempada alta e polo tanto á desestacionaliación do destino.
En canto ás empresas adheridas, ata o momento son un total de 271 establecementos e empresas turísticas de toda a comunidade, pero teñen de prazo ata o 1 de decembro para continuar facéndoo. Poden apuntarse aqueles establecementos da comunidade autónoma e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado á comunidade. Deberán estar tamén dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT).