Medio Rural fomenta os instrumentos de mobilización e recuperación de terras con axudas para gastos notariais, rexistrais e técnicos
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural visitou A Estrada para poñer en valor a convocatoria destas axudas, que promoven ferramentas como as permutas de especial interese agrario e os polígonos agroforestais de iniciativa privada
- Durante a visita puido coñecer un proxecto de mobilización de terra a través de permutas que se quere levar a cabo neste concello
- As persoas que acrediten a posta en marcha de ditos instrumentos poden optar a esta achega, que conta cun orzamento de 100.000 euros para os anos 2025 e 2026
- Como novidade, nesta convocatoria inclúense as axudas para gastos de asesoramento técnico e xurídico, un recurso moi demandado polos propios propietarios que queren acometer este tipo de procesos

A Estrada (Pontevedra), 21 de xullo de 2025
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, acompañada polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitou esta localidade pontevedresa para poñer en valor a convocatoria das axudas para os gastos de asesoramento técnico e xurídico, de acondicionamento dos terreos, notariais e de inmatriculación rexistral co obxectivo de promover os instrumentos de mobilización e de recuperación da terra agraria, en especial as permutas de especial interese agrario e os polígonos agroforestais de iniciativa privada. Esta iniciativa da Consellería do Medio Rural sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.
A directora xeral explicou que estas achegas están dotadas cun orzamento de 100.000 euros para os anos 2025 e 2026, co cal se subvencionarán os gastos de asesoramento técnico e xurídico, traballos técnicos e de acondicionamento dos terreos, ata un máximo de 15.000 euros; e gastos notariais, rexistrais e de inscrición necesarios, ata un máximo de 3.000 euros.
Como novidade, nesta convocatoria inclúense as axudas para gastos de asesoramento técnico e xurídico, un recurso moi demandado polos propios propietarios que queren acometer este tipo de procesos. Por outra banda, tamén se incorporan dentro desta convocatoria os polígonos agroforestais, así como outros instrumentos cuxo fin sexa a mobilización de terras para un uso agrario ou forestal.
Así o destacou Rodríguez durante o transcurso da súa visita á Estrada, no que puido coñecer un proxecto de mobilización de terra a través de permutas que se quere levar a cabo neste concello. Neste sentido, reuniuse con algúns dos 14 propietarios que solicitaron a declaración de especial interese agrario dunha serie de permutas sobre parcelas situadas neste concello, cunha mobilización de preto de 8,85 hectáreas para aproveitamento forestal, e os cales se poden beneficiar destas achegas convocadas hoxe.
Con estas permutas poderán aumentar a superficie continua de cada unha das explotacións por medio da agrupación da propiedade; o que vai permitir reducir os custos tanto de implantación como de mantemento e explotación das masas forestais, repercutindo de xeito positivo no valor final da madeira.
Prazo aberto ata outubro de 2026
Poderán se beneficiarios destas axudas as persoas, agrupacións e comunidades de bens que declaren o interese agrario da permuta, que teñan presentado o proxecto de permuta ou que sexan titulares dalgún dos predios aos que se refira a permuta. Acontece o mesmo no caso dos polígonos agroforestais, sempre que se conte co acordo dos propietarios de mínimo o 70% das terras incluídas no perímetro, se acredite a situación de infrautilización nun mínimo do 50% da superficie e se remitise á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a documentación para a aprobación do polígono e se teña iniciado o expediente.
Os interesados en solicitar esta achega teñen ata o 31 de outubro de 2026 para presentar a súa solicitude e as axudas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250721/AnuncioO90-100725-0001_gl.html