Medio Rural nomea os vogais do Observatorio do Lácteo, que reunirá o seu novo pleno á volta do verán
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A conselleira María José Gómez, en calidade de presidenta do Observatorio, nomeou esta semana os novos vogais, a proposta das entidades ás que se lle outorga a participación neste órgano colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector
- Complétase así o proceso iniciado co cambio estrutural deste ente, que supuxo unha ampliación dos seus compoñentes e unha nova maneira de exercer as súas funcións, en pleno e en grupos de traballo
- A Xunta modificou recentemente a composición deste órgano para acoller a todos os elos da cadea de valor, mellorar e fortalecer o seu funcionamento e incluír entre as súas funcións o estudo da cadea de valor e das relacións comerciais e contractuais
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2025
O pleno do Observatorio do sector lácteo de Galicia celebrará á volta do verán a súa primeira reunión cos novos vogais nomeados esta semana pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa condición de presidenta deste órgano colexiado e a proposta das entidades ás que se lle outorga a participación neste organismo.
Desta forma completarase o proceso iniciado co cambio estrutural do Observatorio, que supuxo unha ampliación dos seus compoñentes e unha nova maneira de exercer as súas funcións, en pleno e en grupos de traballo. Así, a súa máxima responsable vén de nomear os 21 vogais que o conforman, xunto coa propia presidencia e a secretaría, segundo se establece no decreto regulador deste organismo colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector lácteo.
O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007, pero o tempo transcorrido dende aquela e os cambios experimentados nestes anos na produción e na industria, así como na evolución do consumo e dos mercados do leite e dos produtos lácteos a nivel nacional e internacional, aconsellaban adaptalo á realidade actual. Por iso, a Xunta aprobou o Decreto 8/2025, do 20 de xaneiro, co fin de modificar a composición do Observatorio para acoller a todos os elos da cadea de valor do leite: produción, industria, distribución e consumo.
Así mesmo, esta norma redefiniu as funcións da presidencia, da secretaría e das vogalías que o conforman. Neste sentido, cómpre destacar a incorporación ás vogalías da organización de produtores lácteos de Galicia con maior representatividade e da asociación con maior representatividade do sector lácteo galego. Esta incorporación obedece á necesidade de que no Observatorio figuren representados todos os sectores que traballan directa ou indirectamente no sector lácteo.
Grupos de traballo
Ademais, co fin de fortalecer o seu funcionamento ordinario, permítese tamén a creación de grupos de traballo coa participación de persoas expertas no sector lácteo alleas ao Observatorio. Outra das novidades salientables é o feito de engadir entre elas o estudo da cadea de valor e das relacións comerciais e contractuais, pola importancia que esta materia ten no tecido do sector lácteo e na determinación dos prezos.