Máis de 1.300 pacientes xa se beneficiaron do Programa pioneiro de prescrición de medicamentos non demorables, ampliado para novos fármacos
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Nos primeiros catro meses de funcionamento do programa concertouse unha media de 17,34 citas diarias para a renovación da medicación non demorable precisa para certas doenzas crónicas
- Esta iniciativa impulsada pola Xunta, en colaboración cos colexios de farmacia, alivia as axendas médicas, reduce os desprazamentos innecesarios aos centros de atención primaria e, sobre todo, a interrupción dos tratamentos
- As medicacións retiradas con maior asiduidade son tratamentos de insulina, fármacos para a hipertensión, antiacoagulantes e terapias inmunosupresoras
- A Xunta realiza un seguimento continuo deste novo servizo co obxectivo de ampliar a listaxe de medicamentos que permite o programa
- As cidades da Coruña e de Vigo son as localidades onde se está a producir unha maior adhesión ao programa de retirada de fármacos non demorables
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2025
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, avanzou esta mañá no Parlamento de Galicia que un total de 1.336 pacientes galegos xa se beneficiaron do Programa de prescrición de medicamentos sen demora que a Xunta de Galicia puxo en marcha o pasado mes de febreiro en colaboración cos colexios de farmacia.
Segundo dixo, nos primeiros catro meses de funcionamento do programa concertouse unha media de 17,34 citas diarias para a renovación da medicación non demorable precisa para certas doenzas crónicas. Ademais, desde o pasado 16 de xuño, a iniciativa ampliou a súa aplicación a novos grupos de fármacos.
No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, López Linares informou sobre a evolución dun programa que evita que os pacientes cunha enfermidade crónica teñan que interromper o seu tratamento, por non ter activa a súa dispensación nas oficinas de farmacia.
Segundo explicou a directora xeral, as localidades nas que maior adherencia está a ter este programa son A Coruña e Vigo e as medicacións que se retiran con maior asiduidade están vencelladas a tratamentos con insulina, fármacos para a hipertensión, antiacoagulantes e terapias inmunosupresoras.
Durante a súa exposición, López Linares precisou que o departamento sanitario da Xunta avalía de forma continua a posibilidade de ampliar a listaxe de medicamentos que son susceptibles de seren incorporados a este programa.
Nesta liña, sinalou que o pasado 16 de xuño, á listaxe inicial de fármacos incorporáronse novos grupos de medicamentos, entre os que se destacan: os anticoagulantes antagonistas da vitamina K, fármacos vinculados á terapia inhalada de asma e EPOC, a adrenalina fronte ao choque anafiláctico, tratamentos para as hipoglicemias graves, fármacos antiarrítmicos ou fármacos que forman parte da terapia analxésica no tratamento da dor de orixe oncolóxica.
"Desde a Consellería de Sanidade realizamos un proceso de auditoría e análise exhaustiva do programa e das incidencias detectadas", un seguimento, abundou a responsables sanitaria, que tamén permite artellar "diferentes propostas de mellora".
López Linares subliñou que esta iniciativa pioneira a nivel estatal consegue diminuír o número de consultas forzadas ou sen cita aos centros de atención primaria, evitando o bloqueo das axendas médicas, os desprazamentos innecesarios aos centros de atención primaria e, sobre todo, a interrupción de tratamentos e os seus posibles problemas para a saúde dos doentes.
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria concluíu a súa intervención remarcando o "papel esencial" que desempeñan os farmacéuticos no correcto funcionamento so sistema de saúde galego.
"O farmacéutico comunitario é un aliado imprescindible das políticas públicas de saúde pois, a súa proximidade, accesibilidade e capacitación convérteno nun profesional clave".