Arrancan as obras da remodelación das avenidas de Puxeiros e do Rebullón no concello de Mos, nas que a Xunta colabora cun investimento de 600.000€
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A actuación transformará esta contorna do centro urbano de Mos nun espazo accesible, verde e sostible, que incrementará notablemente o espazo para uso peonil
- A conselleira destacou a colaboración institucional entre Xunta, Concello e Deputación de Pontevedra para abordar esta actuación integral, que se prevé finalizar o vindeiro ano
- Allegue lembrou tamén a cooperación co Concello para construír vivenda pública, cos novos fogares que a Xunta está a construír en San Eleuterio

Mos (Pontevedra), 2 de xullo de 2025
A Xunta colabora co Concello de Mos nas obras de remodelación da avenida de Puxeiros e da avenida do Rebullón, cunha achega de 600.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiu hoxe ao acto de inicio das obras desta intervención, que suman un investimento conxunto de 1,2 millóns de euros e nas que colabora tamén a Deputación de Pontevedra.
Neste senso, a conselleira subliñou esta "cooperación institucional que permite unha actuación fundamental para seguir a dinamizar" Mos e que transformará a contorna urbana deste concello nun espazo máis accesible, verde e adaptado ás necesidades da cidadanía, promovendo unha contorna máis sostible e agradable.
O proxecto abrangue a remodelación dun tramo de 170 metros da avenida de Puxeiros e outros 125 metros da avenida do Rebullón, nas que se incrementará notablemente o espazo para uso peonil e dotarase ao ámbito de máis zonas de estancia e esparexemento, espazos con xardíns, con novo mobiliario urbano e nova iluminación. A previsión é que estean rematadas no vindeiro ano 2026.
"Esta é unha mostra de como o traballo conxunto permite avanzar para desenvolver actuacións esenciais", destacou Allegue, que lembrou o compromiso da Xunta "por unhas infraestruturas seguras, sostibles e humanas", no que ademais de manter e ampliar a rede viaria autonómica, estase a colaborar en humanizacións como a de Mos "para seguir avanzando e vertebrando o noso territorio".
Por outra banda, a conselleira lembrou tamén a colaboración co Concello de Mos en materia de vivenda, coa actual construción de 20 vivendas públicas en San Eleuterio e cuxa finalización prevese tamén no 2026. "Seguimos a dar pasos xuntos -concluíu- neste compromiso co futuro, cunhas infraestruturas amables, coa accesibilidade, con vivenda accesible, e, sobre todo, no compromiso coa calidade de vida dos galegos e galegas".