María José Gómez destaca que máis do 70 % do leite producido en Galicia transfórmase xa na comunidade
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A conselleira do Medio Rural advertiu que, deste xeito, está próximo a conseguirse o obxectivo marcado na Estratexia de dinamización do sector lácteo, situado no 75 % para finais deste ano
- Gómez interveu no acto de entrega de premios da Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos (Africor)
- Puxo en valor as diferentes liñas de axudas da Xunta para este eido produtivo e en particular as destinadas a fomentar a remuda xeracional, publicadas este mesmo mércores no DOG e dotadas con 36 millóns de euros

Lugo, 27 de xuño de 2025
Máis do 70 % do leite producido en Galicia transfórmase xa na nosa comunidade, achegándose deste xeito ao 75 %, o obxectivo marcado na Estratexia de dinamización do sector lácteo galego para o remate deste ano 2025. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa intervención no acto de entrega de premios da Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos (Africor).
A titular de Medio Rural cualificou este fito como "unha moi boa noticia" para a cadea de valor do leite e salientou o traballo conxunto realizado entre a Xunta e o sector para acadar este obxectivo. Así, sobre as diferentes aportacións do Goberno autonómico, lembrou -ademais da propia estratexia sectorial- as liñas de axudas para fomentar a remuda no agro, como a publicada este mesmo mércores no Diario Oficial de Galicia e dotada con 36 millóns de euros.
A conselleira tamén avanzou que neste próximo mes de xullo sairán outras dúas novas ordes de achegas; o instrumento financeiro para dotar de liquidez ao sector e unha nova convocatoria de subvencións para equipamentos en común.
Neste mesmo sentido, Gómez reiterou que o obxectivo que se persegue con todo este esforzo non é outro que "garantir unha produción sustentable, eficiente e de calidade, que beneficie tanto aos gandeiros como aos consumidores". Deste xeito, engadiu, faise posible que Galicia se consolide como a primeira potencia leiteira nacional e a novena de Europa, un feito polo que quixo recoñecer aos gandeiros e, en xeral, a todo o sector.
Calidade e competitividade
A conselleira avogou ademais por continuar nesta liña de manter e avanzar na "calidade e competitividade da nosa gandaría", así como "seguir engadindo contido de valor a esa Galicia calidade da que nos sentimos tan orgullosos". E quixo recoñecer que, se o rural galego está tan vivo a día de hoxe é, en gran parte, grazas aos gandeiros. Como demostración disto lembrou que arredor dun terzo dos produtores de leite da nosa comunidade teñen menos de 45 anos e que, asemade, representan máis da metade da produción total. Por todo isto, concluíu, "o sector leiteiro é sinónimo de futuro".
A maiores, Gómez recoñeceu o "papel fundamental" que desempeña Africor dentro do sector leiteiro galego, xa que -dixo- traballa "incansablemente para apoiar, impulsar e innovar neste ámbito". Un labor que, aseverou, propicia que moitos gandeiros e gandeiras poidan acceder a novas prácticas máis sustentables e coñecementos actualizados que lles permiten manter a súa competitividade nun mercado cada vez máis esixente.
A Consellería do Medio Rural apoia o labor deste tipo de asociacións e, a través das axudas para o control do rendemento leiteiro, destinou este ano un millón de euros para as asociacións provinciais Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra que desenvolven estas tarefas. Concretamente, a lucense recibiu unha achega de máis de 470.000 euros.