A Xunta e a Fundación Dorzán colaboran para achegar os beneficios da música aos pacientes do Hospital Universitario de Ourense
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O conselleiro remarca que convenio posibilitará traer música a este hospital da rede sanitaria pública galega dun xeito especial: cun piano dixital cedido pola fundación e que será integrado na dinámica asistencial do centro
- Grazas a esta colaboración, poderanse organizar pequenos concertos nos hospitais de día e micro espectáculos nas distintas plantas
- Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de Humanización da Asistencia que o Servizo Galego de Saúde está a aplicar en todos os seus centros sanitarios

Ourense, 27 de xuño de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Fundación Dorzán, Juan Ramón Álvarez Blanco, asinaron hoxe un convenio de colaboración para achegar os beneficios da música aos pacientes do Hospital Universitario de Ourense.
No acto de sinatura, no que tamén participou o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, o conselleiro dixo que este convenio se enmarca na aposta do seu departamento por unha sanidade máis humana e centrada nos pacientes.
O convenio, denominado Música e Saúde, posibilitará traer música a este hospital da rede sanitaria pública galega dun xeito especial: cun piano dixital que cede a fundación e que será integrado na dinámica asistencial do centro, posto que estará a disposición daqueles pianistas que o queiran empregar.
O conselleiro detallou que, grazas a esta colaboración, poderanse organizar pequenos concertos nos hospitais de día e micro espectáculos nas distintas plantas, ofrecendo momentos de calma e emoción aos pacientes.
Gómez Caamaño incidiu en que se trata dunha iniciativa sinxela pero cun impacto importante no estado de ánimo dos doentes e que na Estratexia de Humanización da Asistencia que o departamento sanitario galego está a aplicar en todos os centros da rede do Sergas.
Ferramenta terapéutica
O conselleiro sinalou que numerosos estudos avalan que a música actúa como unha ferramenta terapéutica eficaz, diminuíndo os niveis de estrés dos pacientes, así como mellorando o seu benestar emocional e, por tanto, contribuíndo á súa recuperación.
Con tal motivo, o Executivo galego promove esta actividade, da man da Fundación Orzán, co propósito de engadir á calidade asistencial un coidado emocional imprescindible para unha atención integral das e dos pacientes.
Gómez Caamaño explicou que o Servizo de Humanización do hospital será o encargado de coordinar e planificar as actuacións musicais, integrándoas no calendario do centro e seleccionando aos pianistas participantes, que deberán estar no listado de voluntarios rexistrados no programa de acompañamento nos hospitais e centros de Galicia, que Sanidade desenvolve en colaboración coa Consellería de Cultura.
En virtude do convenio, a Fundación Dorzán cederá un piano e tamén será a encargada do seu traslado e das revisións periódicas do instrumento que sexan necesarias na vixencia deste acordo por dous anos.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que o seu departamento quere seguir abrindo as portas dos seus hospitais á música e á cultura, posto que os pacientes non só precisan tratamentos, senón tamén compañía e momentos de respiro.
Así mesmo, agradeceu á Fundación Dorzán a súa xenerosidade, así como a todas as persoas voluntarias que fan posible esta iniciativa, facendo extensivo o recoñecemento ao equipo directivo da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras por abrirse a estas colaboracións coas que a sanidade pública avanza na consecución dun modelo sanitario máis próximo, accesible e centrado nas persoas.