A mocidade que queira incorporarse ao agro e mellorar a súa explotación pode solicitar axudas dun máximo de 320.000 € a partir deste xoves
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria destas achegas que ascenden a 36 M€, cofinanciados con fondos europeos e estatais
- As axudas inclúen 5,5 millóns para plans de mellora a mozos incorporados no 2024 e algo máis de 30,5 millóns para mozos que se incorporen este ano

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as ordes da Consellería do Medio Rural polas que se convocan novas axudas dirixidas aos plans de mellora en explotacións agrarias e á incorporación de mozos. Estas achegas contan cun orzamento total de 36 millóns de euros e teñen como finalidade seguir avanzando na remuda xeracional no agro galego. Neste sentido, a mocidade pode solicitar axudas dun máximo de 320.000 euros para incorporarse ao agro e mellorar a súa explotación a partir deste xoves, cun prazo límite dun mes.
A primeira liña de axudas está destinada a financiar os plans de mellora dos mozos beneficiarios da convocatoria de incorporación do ano 2024. Cunha dotación de 5,5 millóns de euros, estas achegas permitirán acometer investimentos para a modernización ou mellora das explotacións agrarias por parte das persoas mozas que recibiron xa a axuda de incorporación, pero que aínda non tiñan o plan de mellora aprobado. O obxectivo é facilitar o inicio da súa actividade produtiva.
A segunda orde de achegas, cun orzamento de algo máis de 30,5 millóns de euros, diríxese ao establecemento de agricultores mozos e ao financiamento de investimentos destinados á modernización e/ou mellora das explotacións agrarias. Con isto preténdese seguir fomentando a incorporación da mocidade ao medio rural galego.
Estas achegas están cofinanciadas nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola para o Desenvolvemento Rural (Feader), nun 12 % pola Administración xeral do Estado e nun 28 % pola Xunta de Galicia, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Continúan así as liñas de apoio ás explotacións agrarias iniciadas no Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.
Ligazón ás resolucións no DOG:
Incorporación de persoas mozas:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250625/AnuncioG0426-110625-0003_gl.html
Plans de mellora:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250625/AnuncioG0426-110625-0005_gl.html