A Xunta defende en Europa a importancia estratéxica do Eixo Atlántico nas conexións comunitarias
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes interveu no Foro do Corredor Atlántico para abordar as necesidades de Galicia no desenvolvemento desta rede
- Javier Abad insistiu nas demandas de priorizar o AVE Vigo-Porto, adaptar o ancho de vía ao internacional, desdobrar e electrificar vías, recoñecer os portos de Vigo e Ferrol como nodais e incluír a liña Ferrol-A Coruña na rede básica ampliada

Bruxelas, 24 de xuño de 2025
O secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad, interveu hoxe no Foro do Corredor Atlántico, onde defendeu a importancia estratéxica do Eixo Atlántico para as conexións comunitarias. Nesta liña, referiuse a Galicia como porta do Atlántico en España e, xunto con Portugal, en Europa, e incidiu na necesidade de completar este eixe pola súa relevancia loxística, económica e ambiental. O evento contou tamén coa presenza da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.
Javier Abad lembrou as demandas que vén facendo Galicia para garantir o desenvolvemento do Eixo Atlántico, como dar prioridade ao AVE Vigo-Porto como rede básica do Corredor. O secretario xeral técnico referiuse a este proxecto como "fundamental para conectar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, onde viven máis de seis millóns de persoas que hoxe dependen dun tren do século XIX para competir no século XXI". "Este eixe completaría a necesaria vertebración ferroviaria da fachada atlántica e facilitaría a integración do noroeste ibérico en Europa", apuntou.
Outras das urxencias son a adaptación do ancho de vía ao internacional, empezando polos tramos que xa contan con travesas polivalentes, para garantir a interoperabilidade, e o desdobramento e electrificación de vías, así como a implementación do sistema ERTMS, para que a alta velocidade chegue a todas as cidades.
Abad Insistiu tamén na inclusión da liña Ferrol-A Coruña na rede básica ampliada, e en que se recoñezan os portos de Vigo e Ferrol como nodais, pola súa importancia económica e o seu papel estratéxico na sostibilidade e transición enerxética. A falta deste recoñecemento "frea sectores como a eólica mariña e a pesca, nos que Galicia é líder en Europa e, no último, un referente internacional", engadiu.