A Xunta destaca o compromiso da construción en Galicia coa sostibilidade, a redución e reutilización de residuos e a eficiencia enerxética
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Ángeles Vázquez salienta que o sector está na boa senda e que debe consolidar no futuro os seus avances apostando pola innovación e o uso das últimas tecnoloxías
- A conselleira pon en valor as iniciativas existentes para converter refugallos en materias primas para outras actividades e lembra que o Executivo galego creou a Oficina de Economía Circular Industrial co fin de asesorar ás empresas neste eido

A Coruña, 19 de xuño de 2025
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a aposta de Galicia por unha construción sostible, comprometida coa redución e reutilización dos residuos así como coa eficiencia enerxética. Durante a súa participación no almorzo informativo A construción: clave para o desenvolvemento, organizada pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco), a responsable autonómica subliñou que o sector galego está na boa senda e que debe consolidar no futuro os avances acadados ata agora apostando pola innovación e polo uso das últimas tecnoloxías dispoñibles.
Ángeles Vázquez lembrou que a construción na comunidade aprendeu a xestionar correctamente os residuos, a reducir o impacto nas contornas naturais e a recuperar os espazos nos que se incide tanto antes como durante e despois de calquera obra. Agora, sinalou, é vital avanzar cara ao obxectivo de reducir a xeración de residuos e buscar o xeito de reaproveitalos converténdoos en materias primas para novas actividades.
Neste sentido, a representante da Xunta subliñou a concienciación cada vez maior do tecido empresarial sobre a orixe dos materiais que se utilizan nas edificacións, a súa calidade, a importancia de reducir a pegada hídrica ou o estudo en profundidade do comportamento dos inmobles unha vez rematados, é dicir, a súa eficiencia enerxética.
Todas estas cuestións, remarcou a conselleira, contribúen a unha construción sostible que opta por solucións respectuosas co medio ambiente e economicamente viables. De feito, destacou, cada vez son máis os cidadáns que queren saber o nivel de respecto ambiental existente no levantamento dunha edificación e que o teñen en conta á hora de elixir a vivenda que será o seu fogar.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, puxo en valor o compromiso e responsabilidade do sector da construción en Galicia e a súa contribución a que a comunidade reducise as emisións de dióxido de carbono nos últimos anos. De feito, incidiu, a súa aportación será clave para lograr o obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040.
Peso económico
A responsable autonómica puxo en valor tamén o peso económico da construción na economía galega -aporta máis do 6% do PIB autonómico- e o seu papel na xeración de emprego, converténdose nunha das ramas de actividade máis importantes da comunidade. Por iso, comprometeu o apoio da Xunta ás empresas para facilitar o desenvolvemento dos seus proxectos así como en cuestións como a xestión e a reutilización dos residuos xerados, para o que o Executivo galego creou a Oficina de Economía Circular Industrial -cun orzamento dun millón de euros- co fin de prestar asesoramento ao tecido empresarial neste eido.
Nesta liña, lembrou, xa hai experiencias positivas de aproveitamento de refugallos para a elaboración de novos materiais como a creación de taboleiros a base de cascarilla de arroz, a utilización da cuncha de mexillón ou o uso de residuos da construción para materias primas que se poden utilizar nos firmes das estradas ou noutras aplicacións.
A conselleira tamén agradeceu a Apecco a celebración deste evento pois permite ás empresas do sector analizar a situación económica actual, os últimos avances e solucións construtivas así como aproveitar sinerxías. Un tipo de encontros, concluíu, que son fundamentais para seguir avanzando no bo camiño e primando a sostibilidade e o coidado do medio ambiente.