Ángel Miramontes anuncia que a Xunta licitará as obras no ciborio interior e a iluminación da Catedral de Ourense nos vindeiros meses
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- As actuacións impulsadas polo Goberno galego contan cun orzamento de máis de 380.000€ para a restauración e conservación dos paramentos e das renovacións das luminarias e os pavimentos
- As obras enmárcanse dentro do Plan Catedrais Galicia 2021 - 2027 dotado con 38 M€ e que prevé un investimento de preto de 7 M€ neste templo

Ourense, 17 de xuño de 2025
O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, visitou hoxe a Catedral de San Martiño de Ourense, onde anunciou que nos vindeiros meses a Xunta licitará as obras para intervir na restauración e conservación no ciborio interior e a iluminación cun investimento previsto de 381.621 euros.
Así, tal e como explicou o director xeral na súa visita, durante o ano 2022 estudáronse os danos que estaban a afectar ao ciborio da catedral derivados da filtración de auga e decidiuse acometer a obra en dúas fases: a do ciborio exterior e fachada sur que xa está rematada, e contou cunha achega de 705.774,22 euros cofinanciada con Fondos Feder 2014 - 2020, e a do ciborio interior que nuns meses se licitará e que conta co apoio do Goberno galego cun orzamento de máis de 380.000 euros.
No caso concreto destes traballos, actuarase nos paramentos do ciborio con tarefas de saneado e limpeza. Estas inclúen a eliminación das xuntas deterioradas e o seu posterior rexuntado, a reparación de gretas, a fixación de desprendementos e a consolidación e reintegración en zonas concretas. Ademais está prevista a revisión e o control estrutural do interior das bóvedas, a mellora da toma de terra do pararraios e a substitución do pavimento da zona do altar.
No tocante ás melloras de iluminación, tamén previstas nesta licitación que anunciou hoxe o director xeral, levarase a cabo unha reordenación do cableado existente e a instalación de iluminación ornamental no interior do ciborio en base ao estudo luminoso realizado.
Estas actuacións permiten completar as tarefas de restauración do ciborio e da fachada sur e occidental, así como completar tamén o estudo de cubertas e sistemas de canles de evacuación de augas pluviais e conexións coa rede de saneamento, que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude levou a cabo desde o ano 2009 e para as que a Xunta de Galicia destinou máis de 3 millóns de euros.
Neste senso, Ángel Miramontes puxo en valor que a Catedral de Ourense é "unha das xoias da Vía da Prata e está declarada Ben de Interese Cultural, polo que é especialmente importante o noso compromiso para reforzar e revalorizar o seu papel". Para conseguilo, tal e como lembrou, a Xunta de Galicia tomou como punto de partida o "esforzo colectivo feito na Catedral de Santiago" para crear o Plan Catedrais Galicia 2021-2027, a folla de ruta dotada con 38M€ para garantir que os bens máis senlleiros da Comunidade, entre os que se atopa esta Catedral de San Martiño de Ourense, cheguen á celebración do vindeiro Ano Santo de 2027 nas mellores condicións.
No caso concreto de Ourense, a Administración autonómica prevé un investimento de preto de 7M€ para levar a cabo cerca dunha decena de actuacións no arquivo, a fachada, a reixería ou o museo.