María José Gómez destaca a importancia da formación profesional para o impulso do rural galego
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A conselleira resalta que a cualificación profesional é clave para crear emprego e fixar poboación no medio rural no marco do acto de promoción da EFA-Fonteboa
- Á xornada de hoxe asistiron 127 alumnos que rematan neste curso 2024/25 a súa etapa formativa
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Coristanco (A Coruña), 14 de xuño de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Manuel Vila, participou hoxe no acto de clausura dos ciclos formativos do Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa, onde destacou a formación profesional como elemento esencial para garantir o desenvolvemento do rural galego. A conselleira subliñou que cualificar e profesionalizar o sector primario é clave para crear emprego e fixar poboación no medio rural.
Durante o acto púxose de manifesto o futuro prometedor do sector primario en Galicia, exemplificado precisamente na mocidade. No curso 2024/25 rematan a súa etapa formativa 127 alumnos, vinculados aos ciclos de grao medio de Produción Agropecuaria, de Guías de Natureza; así como aos de grao superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, Paisaxismo e Medio Rural, e Transporte e Loxística.
Ademais, destacouse o elevado nivel de inserción laboral dos titulados deste centro, cunha taxa próxima ao 100%, o que evidencia as oportunidades que ofrece o sector. "Estar ben formados tamén propiciará que se poida acceder a traballos mellor remunerados ou a dirixir de xeito mais profesional os negocios propios", sinalou Gómez. Ademais, a conselleira engadiu que os sectores agrícola, gandeiro e forestal requiren profesionais altamente cualificados para asegurar a súa eficiencia, rendibilidade e competitividade.
A titular de Medio Rural tamén fixo fincapé na necesidade de ter un bo nivel de formación e cualificación dos traballadores e empresarios do rural, especialmente nun contexto no que as novas tecnoloxías, a mecanización, a informatización e os avances científicos están transformando os modelos de xestión. Isto implica a incorporación de coñecementos técnicos actualizados, competencias dixitais e unha aposta pola formación continua en ámbitos como a innovación, a sustentabilidade ou a xestión empresarial.
Dinamismo no rural
Neste sentido, Gómez apelou á colaboración entre a administración, os centros de ensino e as empresas como peza fundamental para impulsar o dinamismo do rural. A conselleira recoñeceu o papel das empresas na formación do alumnado e destacou en particular a presenza do Grupo Lence, que este ano apadriña a promoción, referente no sector lácteo galego e español.
A conselleira reafirmou o compromiso do Goberno galego de seguir apoiando todas aquelas iniciativas que contribúan a construír un rural vivo, produtivo e con futuro, especialmente en comarcas como a de Coristanco, cunha forte tradición agrícola e gandeira e con produtores destacados de patacas e gandeiros de referencia.
Este ano, o centro EFA-Fonteboa celebra medio século de traxectoria formando aos profesionais que fan avanzar o campo galego. Desde 1975 ofrece ensinanzas de ESO, Formación Profesional e programas de formación continua adaptados ás necesidades do territorio. A conselleira quixo recoñecer tamén o labor das escolas familiares agrarias, fundamentais para mellorar as condicións de vida e de traballo no rural a través da formación.