A Xunta salienta a importancia da Festa da Rosa de Mos como evento dinamizador da economía rural
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participaron no acto institucional desta festividade que acada a súa 52ª edición
- Gómez destacou o concurso de empanadas de pan de millo e a presenza dos viños rosados da Denominación de Orixe Ribeira Sacra como exemplo da calidade dos produtos agroalimentarios galegos
- A Consellería do Medio Rural presentou este ano a Estratexia da planta ornamental e da flor cortada de Galicia, coa que se busca consolidar a nosa comunidade como un referente na súa produción
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Mos (Pontevedra), 13 de xuño de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participaron hoxe no acto institucional da celebración da 52ª edición da Festa da Rosa de Mos, na que o conselleiro foi nomeado como valedor da rosa.
Gómez, que foi a encargada de pechar o acto, salientou a importancia desta festividade como evento dinamizador da economía rural, ao mesmo tempo que se xera cohesión social nestas contornas. Neste sentido, puxo en valor a aposta do Goberno galego por apoiar este tipo de iniciativas que contribúen ao desenvolvemento e a dar visibilidade ao rural.
A maiores, tamén quixo destacar que dentro da Festa da Rosa lévase a cabo o concurso de empanadas de pan de millo e, como novidade, inclúese a súa maridaxe con viños rosados da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, co obxectivo final de poñer en valor o bo facer dos produtores galegos e a calidade dos seus produtos agroalimentarios.
En concreto, a conselleira do Medio Rural fixo fincapé na promoción dos viños rosados xa que supón unha oportunidade para as adegas que elaboran este tipo de produto e, engadiu, que desde o seu departamento se apoiarán todas aquelas iniciativas que xeren sinerxías entre diferentes sectores para impulsar os produtos galegos.
Estratexia da planta ornamental e da flor cortada de Galicia
A Consellería do Medio Rural presentou este ano a Estratexia da planta ornamental e da flor cortada de Galicia para impulsar un sector que acada un valor económico de 82 millóns de euros na nosa comunidade. Cómpre salientar que Galicia é a terceira comunidade de España en produción de flor cortada e a quinta de planta ornamental.
A través desta estratexia, elaborada en colaboración coa Fundación Juana de Vega, búscase potenciar este eido produtivo para convertelo nunha industria puxante que xere beneficios a toda a poboación galega. Concretamente, o obxectivo desta planificación é o de consolidar a Galicia como referente na produción de planta ornamental e flor cortada de calidade, destacando pola súa sustentabilidade, innovación, e respecto ao medio ambiente, xerando valor económico e oportunidades de emprego e emprendemento nos espazos rurais no horizonte 2025-2035.