Xunta, Estado e Administración local coordínanse na loita contra o lume e as prácticas incendiarias delitivas
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O obxectivo desta reunión, que se celebra todos os anos no marco da campaña de alto risco, é o deseño de actuacións conxuntas entre a Xunta, o Goberno central e a Administración local en materia de prevención e loita contra os lumes forestais
- Manuel Pardo subliñou que a Xunta destinará no bienio 2025-2026 preto de 1,8 millóns de euros á formación e adestramento do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais. Estas cifras supoñen un incremento de case o 19 % do orzamento, en comparación co bienio anterior
- O delegado territorial sinalou que unha das novidades deste ano é as melloras no persoal, coa aplicación efectiva do aumento do tempo de traballo dunha parte do persoal laboral, pasando a traballar oito meses nesta anualidade e nove meses no 2026
- Manuel Pardo destacou a incorporación da figura de xefe/a de loxística, dentro do plan de extinción, que desempeñarán técnicos ou axentes en incendios complexos
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Ourense, 12 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na constitución da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña deste ano 2025, que estará operativa desde o 1 de xullo ata o próximo 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais. O obxectivo desta reunión é o deseño de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delituosa incendiaria.
Na reunión tamén participaron membros da Dirección Territorial de Medio Rural, representantes da Subdelegación do Goberno e responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil.
No transcurso da reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña, así como a competencia que terá cada un deles a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2025. Ademais avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción.
O delegado territorial indicou que o dispositivo de loita contra incendios previsto este ano na provincia ourensá é similar, en liñas xerais, ao do pasado exercicio en canto a número de efectivos. Así, este dispositivo estará formado polas brigadas autonómicas e municipais, os parques de bombeiros e os grupos de emerxencia supramunicipal (GES). A estes medios hai que engadir a Unidade Militar de Emerxencias (UME), os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, e membros dos equipos de investigación, "sempre baixo o mando único da Xunta de Galicia", sentenciou.
Fixo fincapé o delegado territorial na importancia da coordinación nesta materia e subliñou que a Dirección Territorial da Consellería de Medio Rural celebra comités policiais cada tres semanas para o seguimento das accións conxuntas en materia de prevención e loita contra os lumes.
Manuel Pardo e os representantes das outras administracións subliñaron a importancia de manter a coordinación entre as distintas administracións nas actuacións que se levarán a cabo nesta materia co fin de conseguir un cambio de comportamento social para reducir os danos medioambientais producidos polos lumes forestais. Ademais, apelaron á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento no teléfono gratuíto e anónimo 900815085.
Novidades Pladiga 2025
O principal obxectivo do Pladiga é o de reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais. Neste sentido, Manuel Pardo destacou que o Goberno galego destinará no bienio 2025-2026 preto de 1,8 millóns de euros á formación e adestramento do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais. Estas cifras supoñen un incremento de case o 19 % do orzamento, en comparación co bienio anterior.
Entre as novidades na actualización de 2025 están as melloras no persoal, coa aplicación efectiva do aumento do tempo de traballo dunha parte do persoal laboral, pasando a traballar oito meses nesta anualidade e nove meses no 2026. Hai que ter en conta que dous terzos deste persoal xa traballa ao longo de 12 meses. Así, o operativo estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Este é un dato semellante ao das últimas campañas.
Manuel Pardo explicou que Galicia contará un ano máis con arredor dunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta e os que aporta o Estado. En terra haberá preto de 380 motobombas, contabilizando tanto as da Xunta como as municipais. Cómpre destacar, neste sentido, a recente entrega de tres motobombas novas. Ademais, mobilizaranse ata 30 medios aéreos, achegado tanto pola Xunta como polo Estado, unha cantidade semellante á da anterior tempada de alto risco.
Outra novidade é a incorporación, dentro do plan de extinción, da figura de xefe/a de loxística. Trátase dunha nova figura, a nivel operativo, que desempeñarán técnicos ou axentes en incendios complexos. As súas funcións, entre outras, serán as de facilitar o desprazamento dos medios no lugar do incendio na localización das zonas de actuación e/ou destino indicado nas instrucións de traballo; supervisar e garantir o correcto funcionamento das comunicacións no incendio e xestionar o avituallamento dos medios en coordinación co persoal do Punto de Recepción de Medios (PRM) e o Centro de Coordinación de Distrito (CCD).
O xefe de loxística tamén se encargará de coordinar co CCD a xestión do aloxamento do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios forestais (SPIF) que o necesitase e daqueloutras tarefas destinadas a facilitar a obtención de material, subministros ou os servizos necesarios para o correcto desempeño das funcións dos medios que operan no incendio.
Tamén destacou que na actualización do Pladiga deste ano vaise avanzar no desenvolvemento dunha ferramenta que permita coñecer o risco de incendios para determinar as áreas estratéxicas nas que deseñar estratexias preventivas que contribúan a diminuír o número de lumes e superficies queimadas, traballando este ano na provincia de Ourense a través do proxecto USE4FOREST do programa europeo Interreg-Sudoe.
Por último, con respecto ao Plan de formación e adestramento para o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios forestais (SPIF), estruturado en seis cursos, terá como principal finalidade reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais.
Plan de prevención
No que atinxe ao plan de prevención, afondarase nos traballos de creación de áreas cortalumes e faixas auxiliares de pista, na mellora de pistas forestais, nos tratamentos silvícolas preventivos e nas queimas prescritas. Ademais, levarase a cabo a revisión e mantemento dos máis de 5.000 puntos de auga repartidos polo territorio galego.
Dentro deste plan, hai que salientar o esforzo que se fai no Programa de sensibilización en centros educativos, e máis concretamente coa publicación do novo material divulgativo Os Bolechas. Os incendios forestais, cunha tirada de 3.500 exemplares do libro, 10.000 exemplares do caderno e outros 10.000 da unidade didáctica.
En relación co plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras salienta a actuación nas parroquias de alta actividade incendiaria (Paai). No 2025 incorpóranse ao listado do ano anterior a parroquia de Requeixo, no concello ourensán de Chandrexa de Queixa.