Rueda salienta en Pontevedra a aposta da Xunta pola modernización das infraestruturas educativas como as do IES Valle-Inclán e o CEIP Froebel
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- As obras enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha iniciativa pioneira en España que, desde a súa posta en marcha en 2021, executou arredor de 2.700 actuacións e confía en chegar a un investimento superior aos 500 millóns de euros
- Indica que estas actuacións axústanse á aposta da Xunta por unha educación centrada no alumnado, aberta á sociedade e construída co consenso da comunidade educativa

Pontevedra, 11 de xuño de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe en Pontevedra no acto de inauguración das obras do IES Valle-Inclán e do CEIP Froebel tras a rehabilitación acometida en ambos centros. Unhas actuacións que, segundo o titular da Xunta, exemplifican a aposta decidida do Goberno galego pola modernización das infraestruturas educativas como ferramenta clave para garantir unha educación pública de calidade.
O xefe do Executivo autonómico puxo en valor a relevancia destas obras para a cidade de Pontevedra e para toda Galicia, polo simbolismo da intervención e pola importancia de continuar transformando os espazos escolares para mellorar a calidade do ensino.
Rueda subliñou que a renovación destes dous centros emblemáticos da cidade forma parte do Plan de nova arquitectura pedagóxica, unha iniciativa pioneira en España coa que a Xunta está a repensar e adaptar as infraestruturas educativas para responder aos modelos de aprendizaxe e ás necesidades do alumnado actual.
Desde o seu inicio en 2021, o Plan permitiu executar arredor de 2.700 actuacións por toda Galicia cun investimento de 278 millóns de euros. A súa continuidade está xa garantida, xa que o Goberno galego renovouno en xaneiro por catro anos máis, cunha previsión de investimento que acadará os 500 millóns de euros.
O Plan de nova arquitectura pedagóxica promove centros máis accesibles, eficientes enerxeticamente, con mellor conectividade dixital e con espazos deseñados para favorecer a convivencia, o benestar e o desenvolvemento integral do alumnado. Trátase dunha concepción da educación que vai máis alá da transmisión de coñecementos, apostando por contornas que fomenten a inclusión e a igualdade de oportunidades.
As obras no IES Valle-Inclán e no CEIP Froebel son exemplos destacados desta estratexia. No caso do instituto, acometeuse unha rehabilitación integral por preto de 6 millóns de euros que respecta a esencia arquitectónica do edificio, moi vinculado á identidade da cidade, dotándoo ao mesmo tempo de instalacións máis modernas, eficientes e funcionais. Pola súa banda, o CEIP Froebel viu como se materializaba unha demanda histórica, coa creación dun edificio máis accesible, cómodo e adaptado ao alumnado, que contou cun orzamento de 1,9 millóns de euros en tres fases.
En total, mobilizáronse preto de 8 millóns de euros, incluíndo no caso do IES Valle-Inclán a maior intervención de rehabilitación nun centro educativo galego desde os anos 70. Segundo indicou o presidente, estas actuacións dan conta da prioridade que a Xunta concede á educación como piar fundamental do modelo propio: un sistema centrado no alumnado, aberto á sociedade e construído co consenso da comunidade educativa.
Neste contexto, o compromiso do Goberno galego cos centros educativos coa cidade de Pontevedra tamén se reflicte no conxunto das actuacións impulsadas nos últimos anos. Desde 2009, a Xunta leva investidos máis de 24 millóns de euros en obras e melloras nos centros da cidade, aos que se engaden proxectos en marcha cun valor superior a 1,3 millóns de euros. Entre as intervencións destacan as realizadas no CIFP Carlos Oroza, na Escola de Educación Infantil Crespo Rivas ou no IES Xunqueira II.