Medio Rural paga máis de 5 M€ a 2.560 gandeiros afectados pola enfermidade hemorráxica epizoótica
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a resolución cos beneficiarios destas axudas, segundo anunciou hoxe a conselleira María José Gómez nunha visita a unha explotación gandeira na localidade coruñesa de Val do Dubra
- Destacou que os gandeiros recibiron unha compensación polas mortes dos animais positivos por esta doenza e polos custos dos tratamentos veterinarios e desinsectantes das granxas afectadas en 2023 e 2024
- Despois de realizar un estudo de prevalencia na cabana gandeira galega, coa toma de mostras en máis de 3.000 animais de 315 granxas, constátase que en máis do 80 % das explotacións existe unha alta protección inmunitaria fronte á enfermidade
- Mañá publicarase tamén no DOG a primeira convocatoria de subvencións específicas destinadas á recría de razas autóctonas de gando bovino e ovino-cabrún ameazadas
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Val do Dubra (A Coruña), 11 de xuño de 2025
A Consellería do Medio Rural fixo efectivo a comezos desta semana o pagamento de máis de cinco millóns de euros a preto de 2.560 gandeiros galegos afectados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a resolución cos beneficiarios destas axudas, financiadas con fondos propios da Xunta e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Así o avanzou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita á explotación A Ferreira, situada no concello de Val do Dubra, na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Estes fondos servirán tanto para compensar as mortes dos animais positivos por esta doenza como para subvencionar os custos dos tratamentos veterinarios e desinsectantes dos animais e das instalacións das granxas afectadas nos anos 2023 e 2024. Cada explotación recibiu preto de 2.000 euros de media. Con todo, cómpre salientar que máis dunha trintena de granxas percibiron contías superiores aos 8.000 euros, evidenciando de forma clara o compromiso económico da Xunta coas explotacións afectadas pola EHE, tal e como remarcou María José Gómez.
Redución da carga burocrática
Nesta liña, a conselleira destacou tamén que se optou por achegas directas, co obxectivo de reducir a carga burocrática dos gandeiros, poñendo á súa disposición un proceso de solicitude sinxelo e accesible para todos. De feito, as persoas afectadas só tiveron que presentar unha aceptación da axuda, sen necesidade de xuntar ningunha outra documentación.
As contías por animal falecido van desde os 400 euros -por bovino menor de catro meses- ata os 1.600 euros -para os de idade maior ou igual a 18 meses e menor de 120-, o que implica duplicar a contía media que recibían os gandeiros por este mesmo concepto ata o de agora. Cabe sinalar que esta axuda é complementaria coa orde de indemnizacións por morte que xa se pagou polo falecemento de 410 animais, cun importe de máis de 200.000 euros. No que atinxe ás achegas dirixidas aos tratamentos veterinarios e desinsectantes de animais e instalacións, as contías foron de 100 euros por animal afectado no caso dos tratamentos, e de 20 euros por animal censado na explotación e ata un máximo de 4.000 euros por granxa, no caso dos desinsectantes.
Protección inmunitaria
Por outra banda, tras realizar un estudo de prevalencia na cabana gandeira galega, no que se tomaron mostras en máis de 3.000 animais de 315 granxas elixidas ao azar, constátase que en máis do 80 % das explotacións existe unha alta protección inmunitaria fronte á enfermidade, de maior intensidade nas provincias de Ourense e Pontevedra.
A maiores, ao analizar o estudo da prevalencia intra-rabaño, no que se tomaron mostras en explotacións afectadas directamente pola enfermidade, tamén se confirma que nos rabaños afectados existe unha alta protección inmunitaria, moi alta nas explotacións de carne (do 75%) e menor nas de leite (próxima ao 50%).
Axudas para a recría de razas autóctonas ameazadas
Na visita a esta explotación en réxime extensivo e de razas autóctonas (cachena e cabra galega), a conselleira trasladou que precisamente mañá publicarase tamén no DOG a primeira convocatoria de subvencións específicas destinadas á recría de razas autóctonas de gando bovino e ovino-cabrún ameazadas.
Gómez explicou que con estas axudas -que teñen un orzamento de 390.000 euros- foméntase a explotación sustentable dos recursos gandeiros autóctonos e a preservación da identidade da diversidade xenética. Ao mesmo tempo, redúcese o impacto ambiental, fomentando sistemas de recría respectuosos.
Nesta mesma liña, a conselleira puxo de relevo o papel que desenvolven este tipo de granxas en extensivo para producir alimentos saudables, sustentables e de calidade, así como tamén para ter o territorio coidado, xestionando de forma natural a biomasa, algo que axuda, ademais, a previr os incendios forestais. En concreto, esta explotación conta con 47 vacas cachenas e con cinco femias reprodutoras de Cabra galega.